Adega organiza este domingo unha ruta pola serra de Fontoira e o alto de Restelo

LugoXa
Son os lugares onde están autorizados os parques eólicos Monteiro e Restelo
ruta-adega-fontoira-restelo
15 Jan 2025

A delegación de Adega en Lugo organiza unha nova andaina no marco do programa de rutas Auga: o quebracabezas da vida. Nesta ocasión, Adega convida a visitar a Serra de Fontoira e o Alto de Restelo nos concellos de Baleira, Navia, Becerreá e A Fonsagrada, onde están autorizados os parques eólicos Monteiro e Restelo. A ruta terá lugar o próximo domingo, 19 de xaneiro, con saída ás 9h desde o local de Adeta Lugo (Ronda das Fontiñas 180) para coordinar os coches dende Lugo.

"Vindo de Baralla e cara Navia de Suarna, por riba de Castro Lanzán ao oeste e de Teixeira de Arriba ao leste temos o PE Monteiro na Serra de Fontoira coa pretensión da instalación de 5 aeroxeradores. Faremos un pequeno roteiro circular duns 2 quilómetros onde, se o tempo o permite se ampliaría a 5, poderemos ver o alcance dos parques eólicos da comarca", explican.

Desprazaranse logo até o alto de Restelo para ver a localización exacta dos 6 aeroxeradores de máis de 180 m. de alto nos concellos de Baleira, Fonsagrada, Navia e Becerreá. Farase tamén unha ruta circular duns 6 quilómetros, pasando preto de Redrollán, dende onde a perspectiva, se é posible, permitiranos ver tamén unha amplísima panorámica dos parques xa instalados na zona e o que suporía a instalación dos proxectados.

Os cartos recadados nesta ruta serán destinados ás campañas Ti Podes Paralos! para frear os parques eólicos Restelo e Monteiro.

Xa que sempre andarán por riba dos 900 metros recomendan o uso de prendas de abrigo.

Información e reservas

As persoas que estean interesadas en reservar praza, terano que facer a través do formulario de reserva antes das 13.00 horas do venres anterior á ruta. Cubriranse as prazas por orde de inscrición. As rutas de Adega Lugo están abertas á participación de público de todas as idades, cun prezo de 6 euros.

Estas son as seguintes paradas:

16 de febreiro. Castroverde / A horta do Rei
16 marzo. Santo Estevo do Ermo
20 abril. Ancares por Terras do Val do Ser
11 de maio. Carballeda de Valdeorras
15 de xuño. Arousa. ALTRI NON.

⚙ Configurar cookies
0.21053504943848