Adega organiza un roteiro a través dos terreos afectados pola Rolda Leste

LugoXa
Adega organiza un roteiro polos terreos afectados polo proxecto da Rolda Leste o vindeiro domingo 26 de febreiro
Adega roteiro
24 Feb 2023

Este domingo 26 de febreiro a delegación de Lugo de Adega continuando co programa de roteiros Depredación da natureza ou autosuficiencia organiza un roteiro polo pulmón verde de Lugo que se verá afectado pola creación da Rolda Leste.

Este roteiro realizarase pola zona afectada por este proxecto, nun percorrido circular de 14 km e que terá unha dificultade baixa.

O punto de encontro será na praza do Camiño Primitivo en Fontiñas para continuar o trazado do Camiño Primitivo polo Barrio da Chanca e Castelo de Arriba.

Posteriormente cruzarase a autovía que conecta a rotonda da Fonsagrada co HULA e que se corresponde co primeiro tramo construído da rolda leste dende onde se terá unha boa perspectiva do punto de entronque da infraestrutura coa rotonda da Estrada da Fonsagrada.

A continuación o roteiro continúa polos núcleos de Barbaín e Bosende e despois achégase ata o paseo do Rato, ao centro de interpretación Terras do Miño, e ás hortas urbanas, que se verán afectadas por este proxecto que pasa a escasos metros das parcelas.

Dende aquí o percorrido continúa ata a rotonda da Tolda, punto de entronque da rolda leste, para subir ata San Fiz onde haberá unha boa perspectiva do val do río Rato.

Para finalizar o camiño continuará pola emblemática carballeira de Montirón, atravesaremos o parque de Sanxillao para rematar no punto de partida en Fontiñas.

0.055592060089111