Adega organiza unha mesa redonda sobre os impactos dos proxectos eólicos en Lugo
A delegación de Lugo de ADEGA organiza o vindeiro mércores, 26 de xuño, unha palestra coa que se pretende afondar nos impactos que o actual desenvolvemento eólico ten sobre o territorio. Esta xornada entra dentro das accións que ADEGA-Lugo está a impulsar a prol da campaña de doazóns Ti Podes Paralos! coa que se pretenden recadar fondos para recorrer nos tribunais a autorización do proxecto eólico Monte Contado, entre os concellos de Castroverde e Lugo.
Na xornada intervirá Javier Ferreiro, do IBADER, que analizará as consecuencias ambientais dos parques eólicos e estudará o caso concreto das turbeiras do Xistral. Tamén tomará a palabra Carola Casal, da Asociación O Sorriso de Daniel, que explicará os efectos dos polígonos eólicos sobre o patrimonio cultural.
Por último, a bióloga e activista Adela Figueroa comentará os impactos ambientais e patrimoniais que o polígono eólico Monte Contado, proxectado moi próximo aos Lagos de Teixeiro, podería ter sobre o territorio se non se paraliza. A xornada desenvolverase no salón de actos do IES Lucus Augusti ás 20.00 horas. Máis información sobre a campaña Ti Podes Paralos na web.