Adega organiza unha ruta polo río Neira
Este domingo, continuando co programa de rutas As montañas, gardiás da nosa historia, comezaremos en Baralla, na porta de entrada á comarca dos Ancares desde Lugo, un percorrido de 14 km. Pola beira dereita do río Neira subiremos cara a aldea de Matela onde xantaremos. Recuperadas as forzas baixaremos a media ladeira ata Pena Carramedo dende onde gozaremos das vistas da Serra do Rañadoiro e do canón do río Neira. No camiño atoparemos castiñeiros centenarios, caneiros, fervenzas e saltos de auga.
As rutas de Adega-Lugo son andainas pola Natureza que organiza a delegación de Lugo da organización ecoloxista Adega desde hai máis de 20 anos e que están dirixidas á poboación de todas as idades, co obxectivo principal de achegar as persoas á súa contorna natural para que coñezan os valores naturais, patrimoniais e culturais que enriquecen e identifican o noso territorio.
O prezo do roteiro é de 15 euros para as socias, 22 euros para o público xeral, 17 euros para estudantes e desempregados e de 6 euros ata os 14 anos. A tarifa inclúe o autobús e o seguro de accidentes.
Para participar é necesario inscribirse antes do venres 15 de decembro ás 13 horas chamando ao 982 240 299 ou a través do formulario de reserva.