Adega pide a CHMS que denegue o proxecto da Rolda Leste

LugoXa
A Asociación Ecoloxista Adega pide a Confederación Hidrográfica Miño Sil que denegue o proxecto para a contrucción da Rolda Leste
Adega Pulmon verde portada
18 Mar 2023

A asociación ecoloxista Adega vén de reclamar á Confederación Hidrógráfica Miño-Sil "información sobre se ten autorizado o proxecto de construción da Rolda Leste, e en todo caso que denegue a autorización para a realización das obras, xa que o proxecto conta cunha avaliación de impacto ambiental totalmente desfasada sen contemplar a nova normativa en materia de augas. Para poder facer esas obras relativas á modificación do proxecto, este tería que pasar un novo procedemento de avaliación ambiental".

O novo proxecto da Rolda Leste afecta ao val do río Rato, unha zona dentro da Reserva da Biosfera Terras do Miño, que conta cunha gran masa arbórea autóctona e contempla un viaduto sobre o río Rato, para a conexión da autoestrada coa rotonda da Tolda. Ademais "o proxecto prevé a construción dun terraplén de 24m sobre o Rego Samai, o que destruiría este ecosistema fluvial, e que non estaba previsto no proxecto inicial aprobado no 2005. Pese a isto, segundo o contido do novo proxecto, actualmente en fase de exposición pública, non é preciso realizar un procedemento de avaliación ambiental, pois considera válida a Declaración de impacto ambiental publicada o 24 de xaneiro de 2005" declaran dende o colectivo.

"Desde que se formulou a Declaración de impacto ambiental, pasaron 18 anos, sen considerar as modificacións da lexislación de augas segundo as esixencias das novas directivas europeas e avances ambientais e científico-técnicos; nomeadamente a Directiva de Inundacións, o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, e os tres ciclos de planificación hidrolóxica deseñados segundo a Directiva Marco da Auga" informan desde Adega.

Para Adega con este proxecto "eliminaríase unha grande superficie de masa arbórea funcional, que fai de filtro e sustento para a bioloxía, por tanto veríase afectada a calidade fisicoquímica e a hidromorfolóxica no rego Samai e no río Rato. De xeito que poderían entrar mais contaminantes químicos e fisicoquímicos no rego de Samai, no río Rato e finalmente no río Miño".

"En caso de autorizar a execución deste proxecto, a CHMS estaría incumprindo o Regulamento do Dominio Público Hidráulico, por non protexer tanto o rego Samai coma o río Rato. Ademais, tendo en conta que o río Rato presenta un estado ecolóxico deficiente segundo o Plan Hidrolóxico do Miño Sil (Real Decreto 35/2023), a CHMS podería incumprir o seu propio plan de bacía recentemente aprobado" declaran desde Adega. Ademais engaden que "na normativa establécense como obxectivos ambientais para o Río Rato, acadar o bo estado ecolóxico en 2027 e manter o bo estado químico. A construción da Rolda Leste estaría poñendo en perigo estes obxectivos ambientais que xa se levan postergando dende o primeiro ciclo de planificación".

Por este motivos desde ADEGA instan á CHMS a que "denegue a autorización do proxecto de construción da Rolda Leste, en aras de conservar o río Miño, o río Rato e o rego Samai, e que cumpra, tanto coas obrigas indicadas na Lei de Augas, coma na Directiva Marco da Auga e cos obxectivos ambientais para que non se deteriore máis o estado do Río Rato debido ás actuacións que poñen en perigo a súa calidade biolóxica, fisicoquímica e hidromorfolóxica".

0.15494108200073