ADEGA pide á Deputación de Lugo suspender a poxa dunhas parcelas en Antas de Ulla

A Asociación para a Defensa Ecolóxica de Galicia (ADEGA) vén de solicitar á Deputación de Lugo a suspensión do procedemento de doazón de 16 parcelas situadas en Antas de Ulla.
A organización considera "inaceptable" que a poxa destes terreos poida levarse a cabo por encargo dun grupo empresarial sen analizar previamente outros posibles usos públicos, "o que podería supoñer unha malversación do patrimonio público", din.
Ademais, denuncian irregularidades no expediente de alleamento, xa que algunhas das parcelas ofertadas non estarían inscritas no Rexistro da Propiedade.
O proceso de alleamento foi aprobado pola Xunta de Goberno da Deputación de Lugo o pasado 14 de marzo, pero os terreos en cuestión foran adquiridos hai uns 15 anos coa finalidade de crear un polígono industrial en Antas de Ulla. A pesar de que en 2007 se iniciou a redacción dun plan urbanístico para o proxecto, este nunca chegou a tramitarse nin a desenvolverse, deixando os terreos sen ningún aproveitamento ata agora.
A preocupación veciñal medrou desde decembro de 2024, cando se celebrou un acto público en Antas de Ulla, no que se presentou unha iniciativa empresarial para a construción dunha planta de obtención de biogás a partir de xurros.
Durante o evento, deuse a entender que o proxecto se desenvolvería nos terreos que agora se pretende vender. Este feito xerou malestar entre a veciñanza, xa que os terreos atópanse a medio quilómetro da vila de Antas de Ulla e aínda máis preto doutros núcleos rurais.
Ante esta situación, ADEGA considera que a venda dos terreos pode beneficiar a intereses empresariais privados, sen ter en conta os posibles impactos ambientais e sociais. A organización ecoloxista tamén critica que nin a Deputación nin o Concello de Antas de Ulla teñan avaliado outros usos públicos posibles para os terreos.
Por estes motivos, ADEGA solicitou formalmente a suspensión do procedemento de alleamento e pediu que se estude a viabilidade doutros aproveitamentos públicos que garantan un uso adecuado do solo e respecten os intereses da cidadanía.