Adega pretende frear un proxecto eólico en Lugo e Castroverde con gran impacto sobre o Camiño Primitivo
A asociación ecoloxista ADEGA procura os fondos necesarios a través da campaña de recadación solidaria #TiPodesParalos para frear o polígono eólico Monte Contado, proxectado en Lugo e Castroverde. Pretenden reunir os 8.100 euros precisos para recorrer este proxecto eólico ante o Tribunal Superior de Xustiza de Galiza. A súa autorización administrativa previa e de construción foi publicada no Diario Oficial de Galiza o pasado martes, 16 de xaneiro.
ADEGA suma así un novo desafío á súa campaña de recadación solidaria para a interposición de recursos contencioso-administrativos contra o actual modelo eólico promovido pola Xunta de Galiza. Unha campaña que ata o de agora permitiu levar ante a xustiza unha trintena de proxectos eólicos e que xa conseguiu varios éxitos nos tribunais, como as recentes paralizacións cautelares dos proxectos Monte da Croa, Pico Seco, Rodicio II, Monte Toural ou Serra do Punago.
A asociación ecoloxista chama á colaboración cidadá para alcanzar o obxectivo de doazóns necesario na defensa do rural e o medio ambiente galegos fronte á actual invasión eólica. O proxecto ten unha incidencia directa sobre o Camiño Primitivo. O parque eólico Monte Contado contempla a instalación de cinco aeroxeradores de máis de 220 metros de altura e unha liña de evacuación de máis de 7 quilómetros de lonxitude nunha área moi extensa que funciona como corredor de conectividade ecolóxica entre tres zonas da Rede Natura 2000: ZEC Parga-Ladra-Támoga, ZEC Miño-Neira e ZEC A Marronda, situadas todas elas a menos de 15 quilómetros do proxecto.
Ademais, as instalacións do parque proxéctanse integramente na "zona tampón" ou de amortecemento da Reserva da Biosfera Terras do Miño declarada pola UNESCO, o que podería supoñer a retirada desta figura de protección. Trátase dunha área que atesoura unha gran riqueza biolóxica, onde habitan especies de fauna con distintos graos de protección, e onde está asentada unha manda estable de lobos. O proxecto está situado a moi pouca distancia dun área prioritaria para a avifauna ameazada e zona de protección de avifauna contra liñas eléctricas de alta tensión nas que hai constancia, cando menos, de 30 especies de avifauna en réxime de protección especial.
Degradación paisaxística
A estes impactos de carácter ambiental súmase a degradación paisaxística da propia área, con fermosas paraxes con espectaculares formacións de penedos e túmulos megalíticos. A deturpación da paisaxe sería perceptible desde o Camiño Primitivo, ben cultural da máxima protección (BIC), o que produciría unha alteración moi negativa da paisaxe cultural asociada a esta ruta histórica.
Alén disto, aseguran que as instalacións implicarán un risco para a saúde humana de quen vive na súa contorna, tanto das persoas residentes nas aldeas de Barredo (parroquia de Santo André), como do Couto, Prateiro e O Seixo (parroquia de Labio), situadas todas elas a menos de 1 quilómetro de distancia dos aeroxeradores; e tamén de Córneas e A Meda (parroquia da Meda), situadas a menos de 400 metros da liña de evacuación do parque.
O proxecto eólico Monte Contado atópase moi cerca doutros 2 polígonos eólicos, Monciro (xa en funcionamento) e Ampliación Monciro (en tramitación), impulsados todos eles pola mesma promotora, Naturgy Renovables. Son, polo tanto, resultado dunha moi posible fragmentación artificial dun único macroproxecto eólico, artellada coa finalidade de minimizar os impactos do proxecto no procedemento de avaliación ambiental, e podendo tratarse, xa que logo, dunha fraude de lei.