ADEGA publica o 'Informe Altri: celulosa do século XX para o XXI'
A organización ecoloxista ADEGA lanza o Informe Altri: celulosa do século XX para o XXI, un libro da autoría do doutor en Bioloxía e ex-presidente de ADEGA, Ramón Varela Díaz, que debulla os impactos da macrocelulosa proxectada por Altri-Greenalia en Palas de Rei.
Trátase dun libro de carácter divulgativo desenvolvido a partir da análise detallada do Estudo de Impacto Ambiental e da Autorización Ambiental Integrada presentadas por Greenfiber, participada por Altri e Greenalia, promotora do Proxecto Gama.
A intención desta publicación é favorecer unha opinión crítica da veciñanza directamente afectada e do conxunto da poboación galega en torno ao proxecto de implantación desta factoría.
Nesta edición, Ramón Varela deita luz sobre os numerosos impactos ambientais que comporta a macrocelulosa e que tanto a Xunta de Galiza como a empresa teiman en minimizar. Faino a través dun exhaustivo informe artellado en cinco grandes apartados: unha introdución aos conceptos chave para comprender o funcionamento interno dunha celulosa, o estudo dos vertidos do proxecto ao río Ulla, a avaliación das emisións atmosféricas, a análise da xeración de residuos e unha radiografía do sector da celulosa e papel-cartón no Estado español e en Europa.
Ao longo de 120 páxinas, Varela Díaz demostra, en base a análises comparativas con outras celulosas de Galiza, do Estado e de Europa, que o Proxecto Gama de Altri e Greenalia constituiría unha das celulosas con maiores impactos sobre o aire, a terra e a auga de Galiza.
Unha publicación lanzada nun "momento crucial de loita"
O secretario técnico de ADEGA, Fins Eirexas, fixo un repaso do intenso labor divulgador de Varela Díaz ao longo de toda a súa traxectoria e puxo en valor o lanzamento desta publicación "nun momento crucial de loita" contra a macrocelulosa.
"Xa ninguén pode acreditar que se trate dunha biofábrica de fibra téxtil. Os datos debruzados magnificamente por Ramón Varela poñen en evidencia que se trata dunha celulosa altamente contaminante. O informe de ADEGA tira conclusións partindo unicamente de datos oficiais, polo que a Xunta non pode dicir que non sabía".
Pola súa banda, o autor do libro, Ramón Varela, asegurou ante os medios que "traer a Galicia unha celulosa coma esta é unha grave irresponsabilidade. Para min é unha obriga divulgar os datos que coñezo, sabendo que Altri suporía un novo atentado ambiental para o país. Se ben a tecnoloxía avanzou moito, o modelo de Altri é propio dos anos 70".
O doutor en bioloxía fixo un chamamento a investir na recuperación de actividades tradicionais e estratéxicas como a pesca na ría de Arousa, e a "non regalar a mans cheas cartos públicos para industrias que non crean riqueza e que se autodenominan de enclave".