Adega reafirma o rexeitamento a Altri e á mina de Touro e marca as liñas de acción para 2026

LugoXa
A entidade apostará igualmente pola redución de residuos e a compostaxe, así como pola promoción da mobilidade sostible en colaboración con entidades locais
manifestacion-santiago-altri-adega
29 Mar 2026

A organización ecoloxista Adega celebrou a súa 51ª Asemblea Xeral ordinaria na Casa das Asociacións de Cornes, en Santiago de Compostela, onde fixo balance do traballo desenvolvido no último ano e definiu as principais liñas de actuación para 2026. No marco do encontro, tamén se puxo en valor a traxectoria da entidade cunha mostra polos seus 50 anos.

Un dos eixos centrais da asemblea foi a defensa do río Ulla fronte aos proxectos da celulosa de Altri e da mina de Touro-O Pino. Adega reafirmou o seu compromiso de continuar coa campaña conxunta con outras entidades para lograr o arquivo definitivo dos expedientes asociados a ambos proxectos, así como manter as accións xudiciais iniciadas contra a iniciativa industrial.

No ámbito enerxético, a organización incidiu na súa oposición á eólica mariña, en colaboración coa Plataforma en Defensa da Ría de Arousa e co sector do mar, ao tempo que seguirá avaliando o impacto de novos proxectos e mantendo a vía xurídica aberta.

En materia ambiental, Adega destacou o seu apoio á Iniciativa Lexislativa Popular de Áreas de Restauración Ecolóxica e a campaña #AlertaSalmónGalego, orientada á protección desta especie. Tamén anunciou que continuará promovendo unha moratoria indefinida ao eucalipto e intensificará as accións de denuncia de prácticas forestais ilegais, ademais de dar continuidade ao voluntariado ambiental tras os incendios do pasado verán.

A entidade apostará igualmente pola redución de residuos e a compostaxe, así como pola promoción da mobilidade sostible en colaboración con entidades locais.

Durante a asemblea aprobáronse cinco resolucións, entre elas a esixencia do abandono definitivo dos proxectos de Altri e da mina de Touro, instando á sociedade galega a manter a presión social. Tamén se reclamou a dimisión da conselleira de Medio Ambiente, Ánxeles Vázquez, por actuacións consideradas contrarias á lexislación ambiental.

Outro dos puntos abordados foi a problemática dos incendios forestais, denunciando a falta de actuación e reclamando un cambio profundo no modelo de xestión do monte. Así mesmo, Adega instou á Xunta a declarar zonas vulnerables a nitratos e a limitar novas explotacións gandeiras en áreas saturadas, ademais de reclamar unha planificación adecuada das plantas de biogás.

A asemblea tamén expresou o seu posicionamento en defensa da paz e en contra da escalada bélica internacional, reclamando medidas políticas ao respecto.

O encontro contou coa participación de representantes sindicais, políticos e sociais, e rematou cunha xornada de convivencia que incluíu un percorrido polo bosque do Banquete de Conxo, onde se puxeron en valor os seus recursos naturais e os proxectos de restauración en marcha.

0.091465950012207