Adega recada fondos contra o polígono eólico Monte Contado, que afecta a Lugo e Castroverde
O vindeiro 5 de xuño é o Día Mundial do Medio Ambiente, conmemorado pola ONU baixo o lema “As nosas terras. O noso futuro. Somos a #XeraciónRestauración”, en alusión á restauración e protección dos ecosistemas.
Nese día, a asociación ecoloxista ADEGA desenvolverá unha intensa xornada de actividades de defensa do medio ambiente galego ao longo de todo o país e desde todas as súas facetas: divulgativa, formativa, colaborativa e reinvidicativa. No caso de Lugo, de 18.00 a 20.00 horas, instalarán unha mesa informativa na rúa Bispo Aguirre para recadar fondos solidarios para poder recorrer nos tribunais a autorización do polígono eólico Monte Contado que afecta aos Lagos de Teixeiro e ao Camiño Primitivo, entre os concellos de Castroverde e Lugo.