Adega reclama a protección dun manancial e un regato que foi canalizado en Garabolos

Como resultado do inicio das obras de construción dun bloque de vivendas na zona de Garabolos, promovido polo Instituto Galego de Vivenda e Solo (IGVS), Adega confirmou a existencia dun dos regatos tributarios do río Rato, regato hoxe entubado na súa parte final debaixo da urbanización e dos rueiros do sector nº1, polígono Residencial Norte B.
Malia a que o afluente aparecía grafado en cartografías oficiais desde mediados do pasado século, o boom inmobiliario que na cidade de Lugo alcanzou as súas máis altas cotas na primeira década do presente século fixo que varias urbanizacións -unha de promoción pública (Xestur Lugo) e outra privada (CINUR)-, se desenvolvesen entre o Cuartel de Garabolos e a Avenida Infanta Elena "sen respecto ningún polas fontes e os afluentes do río Rato que alí existían", explican; tendo sido un deles entubado na súa parte media – final dentro da nova área urbanizada.
Estes feitos se enmarcan dentro dunhas tramitacións municipais, -plans e proxectos correspondentes ás anteditas urbanizacións-, nas que aseguran o Concello non pediu os oportunos informes e autorizacións da Confederación Hidrográfica. "Tampouco actuou a Confederación Hidrográfica cando, algúns anos máis tarde (2.016), Adega lle fai constar o soterramento do afluente".
·Historicamente, o río Rato vén sendo continuamente maltratado co beneplácito das Administracións públicas competentes, -ata o punto de teren permitido a desaparición da meirande parte dos seus afluentes que discorrían pola súa marxe dereita-, sacrificados, ao igual que os mananciais que os alimentaban, en aras a un malentendido desenvolvemento urbanístico da cidade nada respectuoso cos cursos fluviais", din.
Afirman que estas actuacións e outras neglixencias administrativas, -deficiente concepción e mantemento da rede de saneamento que atravesa esta zona e que capta irregularmente parte do caudal que debera circular polo río Rato-, fan que o río e as especies que nel viven se resintan por falta caudal.
"Non é de recibo que augas que tiñan que chegar ao río estean circulando pola rede de colectores, prexudicando ao ecosistema fluvial e sobrecargando ademais o funcionamento da depuradora, co conseguinte gasto enerxético e económico para o concello. Ademais non é de recibo que se siga edificando irracionalmente encima e nas beiras de canles fluviais que, por moito que se entuben, non poden impedir que os correspondentes edificios se vexan afectados por inundacións e humidades", engaden.
Tamén consideran que "non é de recibo que a Xunta, o Concello e a Confederación sigan impasibles ante esta forma de actuar do entramado especulativo do cemento e do ladrillo".
Esixen por tanto ás Administracións implicadas unha maior conciencia e sensibilidade ambiental, "que dea como resultado un urbanismo máis sensible co medio natural, especialmente coa auga e cos cursos fluviais".
Adega reclama ao IGVS e ao Concello de Lugo que o regato afectado polo edificio cuxas obras foron iniciadas recentemente na zona de Garabolos sexa debidamente protexido e posto en valor, -negociando se é necesario o traslado da edificabilidade a outras parcelas–. "O Concello dispón dos terreos necesarios para tal fin. So fai falta vontade política. Esto significaría pasar das palabras (o “ecoloxismo” impostado do que ten presumido a anterior corporación municipal) aos feitos", conclúen.