ADEGA rexeita urbanizar a zona da cunca alta do río Rato de Lugo

LugoXa
Desde a entidade critican esta forma de urbanizar, "coa que se expande a cidade aínda máis, perpetúase a dependencia do vehículo privado e destrúese o patrimonio cultural e natural"
San_Fiz-Lugo
10 Nov 2024

ADEGA-Lugo mostra o seu total rexeitamento á pretensión do Concello de Lugo e da Xunta de Galicia de urbanizar a zona da cunca alta do río Rato, entre os barrios das Gándaras e de Albeiros. "Xustifican esta decisión na necesidade de creación de vivenda, nun contexto no que existen na cidade baleiros urbanos por desenvolver e barrios totalmente degradados que deberían ser rehabilitados", defenden desde ADEGA.

Así, desde a entidade din que os sectores 3R e 4R que forman parte do solo que se está a valorar entre As Gándaras e Albeiros "conteñen valores naturais e patrimoniais moi importantes: está o castro de Albeiros está protexido e inventariado; hai gran cantidade de muros a xunta seca cuxa técnica construtiva está catalogada como Patrimonio Cultural Inmaterial da Humanidade pola UNESCO; hai importantes formacións de arborado autóctono que conforma carballeiras e bosques de ribeira asociados a un afluente do río Rato que tamén se vería afectado; ademais do propio río Rato".

Este desenvolvemento implicaría, ademais, a "destrución do sistema de pequenas hortas e prados adxacente á cidade, ademais da demolición de vivendas existentes".

Por iso, defenden que Lugo conta con baleiros urbanos por desenvolver e barrios degradados a rehabilitar, como o distrito 13 en Catasol, e grandes bolsas de solo urbanizado sen edificar que xa contan con todas as infraestruturas necesarias, como Sanfiz ou Norte 1 e 2 de Garabolos. "Sumados, poderían albergar varios miles de vivendas". Ademais, din, "os barrios da cidade deberían ser renovados, rexenerados e rehabilitados, como o caso do Barrio Feijoo, a Milagrosa, o Carme, Recatelo, etc.".

Lembran, así, que segundo o censo do 2021, elaborado polo Instituto Nacional de Estatística, Lugo conta con 10.728 vivendas baleiras das 62.648 totais. É dicir, o 17,12 % das vivendas no Concello de Lugo están deshabitadas, o que esixe unha análise por parte do Concello e da Xunta de Galicia para establecer as medidas a executar de cara a que estas vivendas poidan saír ao mercado de alugueiros con garantías, tanto para as persoas inquilinas como para as arrendatarias", sosteñen.

Os problemas e consecuencias desta forma de urbanizar, segundo ADEGA

Desde ADEGA sosteñen que "se está a promover a construción dun barrio fóra da cidade dedicado unicamente á vivenda protexida, segregado social e economicamente e, por tanto, sen favorecer a cohesión social que determina o artigo 42.10 da Lei 2/2016 do solo de Galicia".

Desta maneira, "expándese a cidade aínda máis, perpetúase a dependencia do vehículo privado e destrúese o patrimonio cultural e natural, sen que se faga unha análise da realidade da cidade e se procuren outras solucións que non impliquen o consumo de solo", denuncian.

Este tipo de urbanismo, din, vai tamén en contra da propia lexislación autonómica, como a Lei da Xunta de Galicia 1/2019 do 22 de abril de rehabilitación e de rexeneración e renovación urbanas de Galicia. Esta normativa salienta que "a rehabilitación e a reutilización dos espazos residenciais abandonados ou degradados, xa sexa nas cidades, nas vilas ou nos núcleos rurais, xogan un papel fundamental nas políticas de vivenda como solución eficiente, sustentable e de futuro á hora de dar resposta ás necesidades de vivenda da poboación, de conservar o patrimonio construído e de minorar os impactos no medio".

Perpetúase, así, "o modelo liberal de urbanismo voraz en contra das actuais directrices da ONU e europeas, como a Axenda 2030 de 2015, a Nova Axenda Urbana de 2016 da ONU1(1), a Axenda Urbana Europea de 2016 ou a Axenda Urbana Española de 2019.

Iniciativas de ADEGA

ADEGA, xunto ás asociacións Ríos con Vida, e a Asociación Galega de Custodia do Territorio, conseguiron frear temporalmente a aprobación do 5 % do PXOM de Lugo, por non contar coa correcta delimitación dos cursos fluviais existentes no Concello, e polo tanto, coa correcta determinación de zonas inundables.

Porén, o Concello de Lugo, en conivencia coa Xunta de Galicia, aprobaron definitivamente o PXOM o pasado 11 de novembro de 2023 sen ter corrixidas "estas eivas que consideramos moi graves", critican desde o colectivo.

Por iso, ADEGA ten interposto un recurso contencioso administrativo contra o PXOM de Lugo, de cara á súa nulidade total por seguir sin grafiar todos os cursos dos ríos e regos e por non delimitar e protexer de forma correcta os terreos que afectan ás marxes; en especial, o afluente que afecta a ditos sectores e ao mesmo río Rato.

Outra das parcelas afectadas pola falta de grafiado dos regatos é a proposta para a nova comisaría de policía na Abella, atravesada por un regato que non está delimitado no PXOM.

ADEGA esixe ao Concello de Lugo a protección de todos os cauces fluviais e a súa zona de inundabilidade, e adverte que tomará todas as accións legais e sociais para impedir que se perpetúen as políticas urbanísticas especulativas que non promovan accións encamiñadas á mitigación e adaptación ao cambio climático e que protexan os recursos patrimoniais e ambientais, como grandes aliados na actual crise climática.

Ademais, ADEGA-Lugo coordinará unha xornada de limpeza no río Rato o próximo domingo, 29 de setembro, no marco da Limpeza Simultánea de Ríos organizada pola asociación ecoloxista e pola súa iniciativa Proxecto Ríos ao longo de toda a xeografía galega.

0.093839883804321