Adeus, capitáns!

LugoXa
Os capitáns do CD Lugo, Pita, Seoane e Iriome, despedíronse onte do club nunha emotiva rolda de prensa, logo de tres largas traxectorias.
DESPEDIDA Iriome pita seoane LUGO
25 Maio 2022

Emotiva e sincera. Así foi a histórica despedida dos capitáns do Lugo, Pita, Iriome e Seoane. Coma quen quita unha tirita, a traxectoria de tres dos grandes do CD Lugo rematou o pasado sábado co último partido de competición. Así o anunciaba o club a principios desta semana e así o confirmaban onte nunha rolda de prensa.

Carlos Pita, Fernando Seoane e Iriome González despedíronse do Anxo Carro como xogadores albivermellos. Moitas temporadas, moitos partidos, moitos momentos e moito orgullo lucense que culminaban onte nun momento histórico para o club.

O Presidente do Club, Tino Saqués, remontouse na súa despedida ao ano 2015, cando recén chegado o club, as primeiras renovacións foron as de Pita e Seoane. “Eu non tiña trato con eles pero parecéronme piares fundamentais no futuro do club”, dixo Saqués.

Saqués que tildou de “lendas” aos tres xogadores asegurou que marcaron unha época e que permanecerán na memoria de todos os seareiros. “Pasamos épocas moi duras, onde eu me reunín con eles cando semellaba que había que tomar decisións moi importantes e contaba coa súa opinión”, expresou con orgullo Tino Saqués.

De orgullo tamén falou Pita, que denominou a maioría das tempadas como “éxitos, comezando polo primeiro ano no que conseguimos alcanzar o playoff e enganchar á xente”. Lembrou tamén o histórico ascenso do club “algo imborrable que catapultou ao club ao fútbol profesional”.

"En principio, vou a seguir ligado ao club. Xa foi un ofrecemento do presidente antes de rematar a tempada e de tomar a decisión. Temos que falar e ver cal é a situación e o posto onde podemos estar", explicou Pita dando así esperanzas a todos os seareiros de seguir tendo ao capitán no club.

Palabras de agradecemento aos compañeiros, e palabras tamén para a afección. “Cando cheguei aquí, a xente sentiase identificada co club. Era fácil vir ao campo e desfrutar cando gañabas. Nos últimos anos, coass situacións que vivimos, foi complicado atraer á xente”, lamentou.

Seareiros fieis, dixo Pita, que “ten que tratar de conseguir que baixen máis ao campo, facer chamamento á xente para que desfruten do fútbol profesional”. “Hai que darlle valor ao que está a conseguir o club”, concluiu.

"Foi un éxito rotundo. O normal eran as tempadas de sufrimento. Un equipo humilde, con baixo presuposto. Hai que poñer en valor a dificultade disto. As cousas as fas regular e o normal é baixar. Nós logramos o milagro cando tocaba", así comezaba a falar Seoane.

Un dos xogadores estrelas que xa avanzou que seguirá na cidade pero dedicandose “ a outra das miñas paixóns”, con todo, ofreceu a súa axuda se, nun futuro, o club necesita algo.

Seoane recoñeceu que o pasado ano “xa tiven a duda” pero “saquei forzas e comecei a tempada igual de ilusionado que as anteriores”, iso si, o complicado ano para el foi chave na decisión. “É o momento idóneo para retirarse. Gústame axudar ao equipo no verde e, este ano, non, foi posible”.

En canto ao relevo, dixo que “é moi fácil cando hai boas persoas” e avanzou que o que queda no club “son todos grandes chavales, profesionais”.

O último en falar foi Iriome quen destacou que veu a Lugo “porque me xurdiu a oportunidade” e sincerouse explicando que nin el mesmo “pensaba que podería estar tantos anos aquí”.

Amosou o seu orgullo por todo o que viviu o club. “Un club humilde, pequeño pero que sempre traballamos para seguir no fútbol profesional”. No tocante ao seu futuro, avanzou que intentará seguir xogando ao fútbol pero asegurou que “teño as portas do CD Lugo abertas, así que é posible que nun futuro volva a estar por aquí”

Un paso pola cidade das murallas que priorizou pola familia. “A miña muller e os meus fillos estiveron moi ben aquí, e ao final acabas priorizando iso, considero Lugo a miña segunda casa”.

0.2224280834198