Adif comeza as obras da nova pasarela en Rábade para suprimir un paso a nivel

LugoXa | TerraChaXa
O ex alcalde Francisco Fernández Montes mostrou a súa satisfacción porque se iniciase esta obra, que se licitou antes de finalizar o seu mandato
obras-adif-pasarela-rabade
22 Jan 2025

Adif vén de iniciar os traballos de construción da nova pasarela peonil en Rábade na liña ferroviaria de ancho convencional León-A Coruña. O obxectivo desta obra é mellorar a accesibilidade peonil e as condicións de seguridade no ámbito urbano.

A nova plataforma elevada instalarase a 80 m da actual, que será demolida, e conectará a rúa Campo da Feira e a Praza de España coa estación de Adif de Rábade. A pasarela terá estrutura metálica, accesible mediante ascensor e escaleiras, e unha lonxitude de 27,6 m. Ademais, dotarase á zona dunha nova iluminación.

O proxecto presentado implicaba que coa supresión do paso a nivel da rúa Xeral Arce, o tráfico de vehículos e peóns se realice polo paso a nivel da Avenida de Vilalba. Así mesmo, implicaba a construción dunha rotonda no lado Sur da vía para facilitar o cambio de sentido de vehículos. Estaba previsto tamén que no lado norte, ademais, se realicen obras de acondicionamento do contorna -urbanización da zona, solados e muro de pedra-, na zona de acceso ao cemiterio de Rábade.

A actuación -licitada por máis de 717.000 euros- complétase coa instalación dun cerramento metálico e traballos para dar continuidade ás cunetas lonxitudinais de ambas as marxes da vía.

A clausura do paso a nivel implica o desmantelamento de todos os seus elementos, a demolición de firme e a restitución da aliñación da liña ferroviaria, o desmonte da sinalización do paso a nivel e a disposición de barreiras de contención en ambas as marxes do paso.

O ex alcalde de Rábade, Francisco Fernández Montes, mostrou a súa satisfacción porque se iniciase esta obra "que significou tanto traballo e tantas viaxes a Madrid para falar con distintos ministerios".

Lembrou Montes que a obra xa quedou acordada antes de que finalizase o seu mandato, xa que a licitación fíxose neste tempo, "aínda que non comprendo como demoraron tanto en comezar". Engadiu tamén que "espero que sexan dilixentes á hora de facelas".

 

0.15036392211914