Adif eliminará seis pasos a nivel no termo municipal de Lugo

LugoXa
A actuación, cun investimento de 4,5 millóns, forma parte da modernización do corredor Ourense-Monforte-Lugo e mellorará a seguridade de peóns e tráfico viario
paso-a-nivel-Lugo
15 Oct 2025

Adif vén de adxudicar por 4,5 millóns de euros as obras para suprimir seis pasos a nivel na liña convencional Monforte de Lemos-Lugo-A Coruña, no tramo que atravesa o termo municipal de Lugo. Esta actuación insírese na modernización do corredor Ourense-Monforte-Lugo e busca incrementar a permeabilidade transversal, mellorando as condicións de seguridade tanto para os peóns como para o tráfico ferroviario e viario.

A clausura destes pasos a nivel implicará o desmantelamento de todos os seus elementos, xunto coa instalación de barreiras de contención en cada marxe para impedir o acceso á vía. Entre os pasos afectados atópase o de Recimil, situado no punto quilométrico 424/010, dentro dun traxecto comprendido entre os PK 422/742 e 425/167.

O proxecto contempla a construción dun novo paso superior sobre a liña ferroviaria, acompañado dun camiño de acceso e cinco vías de enlace cos viales existentes, que tamén serán mellorados. Así mesmo, executarase un paso inferior baixo a vía, con un novo camiño de acceso, oito conexións con outras vías e a adecuación dos viales da contorna.

A supresión destes seis pasos súmase ás actuacións xa en marcha para eliminar outros 17 pasos a nivel ao longo do traxecto Ourense-Monforte-Lugo, dos cales dous se localizan en Ourense, dous en Monforte e 13 no termo municipal de Sarria.

⚙ Configurar cookies
0.075785875320435