ADOS publica a adxudicación do contrato para a adquisición dunha nova unidade móbil

LugoXa | AMariñaXa | RibeiraSacraXa
Esta nova unidade prestará servizo na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos
Imaxe dun autobús de doazóns de sangue
1 Dec 2024

A Axencia de Doazón de Órganos e Sangue (ADOS) publicou no Portal de Contratos de Galicia a adxudicación do contrato para a adquisición dunha nova unidade móbil que prestará servizo na área sanitaria de Lugo, A Mariña e Monforte de Lemos.

O vehículo, que será a sexta unidade móbil renovada desde o ano 2018, ten un custo de 496.100 euros e forma parte do programa de melloras que a Consellería de Sanidade está a desenvolver co obxectivo de optimizar a calidade no servizo e atención aos doadores.

A Xunta xa renovou en menos de seis anos máis da metade das dez unidades que diariamente percorren a comunidade, cun investimento de 2.061.462 euros.  Aproximadamente o 85 % das 103.525 doazóns que se recolleron o pasado ano rexistráronse nestes vehículos.

Unha das principais novidades da nova unidade móbil é que se tratará dun vehículo considerado ecosostible, xa que deberá contar cunha dobre fonte de enerxía (diésel e gas licuado de petróleo) cun consumo enerxético máis limpo e eficiente, que posibilitará unha redución substancial de gases contaminantes.

A nova unidade móbil terá unhas dimensión de 12,2 metros de lonxitude, 3,45 metros de altura e estará dividida en tres espazos diferenciados: unha área de recoñecemento médico, unha sala de doazón con capacidade para catro padiolas e un área de refrixerio.

Ademais, disporá de subministro eléctrico autónomo e sistema de climatización, así como a máis moderna tecnoloxía que garanta a máxima seguridade e confort para que as persoas poidan realizar a súa doazón de sangue.

0.1621470451355