Adrián Carratalá e Dani Polo actuarán no festival ‘Presto! Maxia en Nadal’

LugoXa
O espectáculo comezou onte coa actuación do Mago Rafa na Delegación Territorial da Xunta de Lugo
Presto-Maxia-en-Nadal-Sarria
3 Jan 2025

O festival ‘Presto! Maxia en Nadal’ deu inicio na Delegación Territorial de la Xunta en Lugo, contado coa presenza do delegado territorial da Xunta, Javier Arias.

O evento, que promove a cultura e o entretemento familiar durante as datas do Nadal, presentará actuacións de tres dos magos máis recoñecidos a nivel nacional.

A xornada comezou coa actuación do Mago Rafa, artista lucense que fundou en 2007 a primeira escola de maxia de Galicia. Este mago, ademais de actuar, ten un rol destacado como produtor e organizador de festivais de maxia, conseguindo cativar a un público cada vez maior.

O festival continuará coa actuación de Adrián Carratalá este venres, ás 18.30 horas. Carratalá é recoñecido pola súa creatividade, sendo triplo campión de España e gañador do prestixioso programa de televisión estadounidense ‘Penn and Teller Fool Us’ no ano 2019.

A última xornada, prevista para o sábado á mesma hora, contará co espectáculo de Dani Polo, un artista polifacético que foi galardoado co Premio Nacional de Maxia e recoñecido en Europa co premio Ali Bongo como mago novo revelación.

Estes espectáculos teñen unha duración aproximada dunha hora e están deseñados para captar a atención do público familiar, combinando humor, ilusión e participación. O Goberno galego, xunto co Mago Rafa, organiza o festival co fin de ofrecer unha experiencia única aos escolares de Educación Primaria do municipio de Lugo.

Durante a inauguración, o delegado territorial, Javier Arias, destacou a “excelente acollida” desta iniciativa e resaltou a calidade dos magos participantes, cuxos espectáculos están meticulosamente deseñados para o goce de todas as idades.

0.16315412521362