Adxudicada a obra do centro de saúde da Milagrosa por máis de 3 millóns de euros

A Xunta, a través do Servizo Galego de Saúde, vén de adxudicar á empresa Elecnor Servicios y Proyectos a reforma integral do centro de saúde da Milagrosa de Lugo por un importe de 3.085.500 euros.
A previsión é que as obras dean comezo durante o verán. O prazo de execución establecido no contrato é de 18 meses.
Con esta actuación, o centro de saúde da Milagrosa será renovado por completo, reorganizándose e ampliando os seus espazos para ofrecer unha atención sanitaria máis cómoda e eficiente aos seus usuarios.
Así, cando se completen as obras de reforma, o centro de saúde da Milagrosa contará con 6 consultas de medicina xeral, 6 de enfermería, así como novas salas destinadas á docencia, ás urxencias e para a toma de mostras.
Ademais, tamén contará cunha área de admisión completamente renovada e novas zonas destinadas ao seu persoal.