Adxudicada a redacción do proxecto de rexeneración da Praza da Constitución
O importe do contrato ascende a 50.263 euros e a empresa adxudicataria disporá dun prazo de 45 días para entregar o traballo.
O Concello acordou esta semana outorgar a redacción do proxecto de rexeneración urbana da Praza da Constitución á empresa Redondo Valladares y Rodríguez.
A Xunta de Goberno autorizou hoxe a adxudicación por un importe de 50.263 euros, abríndose agora un prazo de execución de 45 días para entregar o traballo.
A intervención ten por obxecto completar a transformación deseñada pola alcaldesa para o recinto amurallado, renaturalizando o terceiro maior espazo libre a carón do monumento bimilenario, logo do Parque de Rosalía de Castro e da Praza Maior.
Parte das accións previstas teñen como finalidade recuperar a conexión directa da Porta do Campo Castelo coa reconstrución do óvalo arborizado da praza, para o que será preciso eliminar a parte máis descontextualizada da mesma que leva á estación de autobuses. Ademais, todo o ámbito se manterá como unha plataforma única de circulación, con prioridade peonil e tráfico calmado a 20 km/h nos itinerarios autorizados.
“Queremos que a transformación da zona devolva á alameda o esplendor de outrora como lugar de descanso e socialización da cidadanía”, afirmou a rexedora que resumiu os tres tipos de actuacións que se levarán a cabo neste espazo.
“Por unha banda se procederá á eliminación dos elementos que desvirtuaron, precisamente, a imaxe desta antiga Alameda do Cárcere como lugar de principal interese para a cidade; por outra se recuperará o seu uso como parque público incrementando a súa vinculación coa Muralla e co centro sociocultural do Vello Cárcere e, finalmente, se integrarán na nova configuración todos aqueles elementos derivados dos usos actuais que ten a praza e que deben manterse, como son os accesos ao aparcamento soterrado, o tráfico atenuado ou restrinxido, etc.”, explicou Lara Méndez.
A rexedora fixo fincapé, alén, en que a ampliación do parque, na zona este, posibilitará a súa apertura á realización de diversas actividades con utilidade para terrazas, pequenos espectáculos e actuacións, punto de encontro xuvenil, etc, “fomentando así a convivencia interxeracional e a socialización ao aire libre”.
Para conseguir unha maior integración entre o parque e a Rolda da Muralla se prevé a substitución das escaleiras de paso desde a Porta do Campo Castelo por unha rampla que terá continuidade nunha senda pavimentada que conduce á entrada ao Vello Cárcere e abrirase unha pequena entrada na esquina noroeste (pegada ao centro escolar), que se resolve cun tramo de escaleiras creando un acceso alternativo e evitando un posible punto de inseguridade.
Ademais, o murete de peche se transformará nun banco en prol dunha maior integración de todas as zonas das que se compón a área, enfatizando o carácter estancial da mesma e a súa relación coa Muralla. Algo similiar sucederá coas ramplas de entrada e saída ao estacionamento soterrrado que se incluirán na zona verde para minimizar a súa presenza.
O acceso peonil ao parking - xunto ao que se construirá unha pequena bancada de granito a modo de asento informal e orientada cara a construción romana - se dotará dunha nova envolvente acristalada, o máis transparente posible, que permita a continuidade visual a través del, respectando a totalidade dos árbores existentes.
Neste sentido, Lara Méndez trasladou que o número de exemplares se incrementará para completar a alameda circular ao redor da fonte pero tamén diante da estación e na fronte da mazá entre a rúa Cidade de Vigo e a Rolda da Muralla. E cada unha das árbores contará co seu propio alcorque que incorpora xa un sistema de aireación e rego por goteo, actuando, á súa vez como microxardíns con especies de baixo mantemento capaces de almacenar auga en períodos de grande intensidade pluviométrica.
En canto aos elementos escultóricos, a rexedora recordou que a Fonte das Ras será remodelada, deixando a súa pila á cota da praza e eliminando o noiro con aplacado de pedra sobre o que está elevada agora e o resto de estatuas conmemorativas e elementos escultóricos existentes (busto de Concepción Arenal, figura dos Pelúdez e centinela romano) volverán colocarse de acordo coa nova disposición das circulacións e dos espazos verdes.
A nova praza contará, igualmente, coa instalación de luminarias LED que propiciarán un maior aforro enerxético e disporán dun sistema de regulación con diferentes escenas e tamén se renovará todo o sistema de evacuación de augas pluviais e se soterrarán as instalacións aéreas grampadas ás fachadas do Vello Cárcere, estación de autobuses e edificacións do bordo este, reemplazando todas aquelas que xa estean soterradas e se atopen en mal estado.
Toda a actuación cumprirá coa normativa vixente en materia de accesibilidade e supresión de barreiras arquitectónicas o mesmo que todos aqueles elementos que se atopen en bo estado e cuxos deseños sexan acordes á nova proposta, serán desmontados para poder reutilizarse.
“Estamos seguros de que a remodelación da Praza da Constitución non só contribuirá a avanzar no modelo de urbanismo sostible, integrador e con perspectiva de xénero que estamos a implantar en toda a cidade, senón que tamén reverterá directamente na calidade de vida da veciñanza tanto pola posibilidade de dispoñer de maior espazo verde no centro urbano, como polos beneficios que a nivel ambiental suporá a redución do tráfico e a plantación de novo arboredo”, concluíu a alcaldesa.