Adxudicada a renovación integral das zonas infantís do Castiñeiro
Os parques se unificarán nun só, de maior superficie, e contará con espazos para a convivencia interxeracional na que se integrará a actual área de picnic.
O Concello de Lugo adxudicaba onte o contrato para proceder á renovación integral dos parques infantís sitos no Castiñeiro, que se reunifican nun só máis grande para gañar superficie, atendendo así ás peticións que a veciñanza do barrio lle fixo chegar a alcaldesa, Lara Méndez.
A Xunta de Goberno outorgaba os traballos á empresa Contenur por importe de 352.342 euros e un prazo de execución de catro meses.
A intervención inclúe, ademais da ampliación da área de xogos, a creación dun novo espazo humanizado con bancos e papeleiras para a estancia dos pais e avós, “co que queremos favorecer a convivencia interxeracional, para nós moi importante. Complementará a actual superficie de picnic, que se manterá, ao igual que se manterá todo o arboredo para non perder as zonas de confort. En total, actuarase nunha área de 659 metros cadrados”, lembrou a alcaldesa, Lara Méndez.
A rexedora incidiu en que no deseño se tiveron en conta, ademais das peticións dos e das usuarias, que os xogos sexan inclusivos, que permitan a socialización e adaptados para nenos e nenas con distintas capacidades.
Tres serán os elementos de xogos principais, entre eles dúas torres diferenciadas por idades, unha para os pequenos de ata 5 anos e unha segunda pensada para o goce de ata 12 anos, así como un rocódromo e unha tirolina.
Méndez destacou que tamén se incluirán elementos de abalo para uso individual, grupal e mesmo adaptado para o xogo inclusivo, así como asentos xiratorios con deseño especial para crianzas con trastorno do espectro autista.
Coa mellora deste parque, o executivo de Lara Méndez continúa coa ampliación de espazos de lecer pensados para as e os máis pequenos, ben creando novas áreas ou renovando as existentes.