Adxudicada en Recatelo a segunda fase da renovación da rúa Isaac Díaz Pardo

LugoXa
Adxudícase a segunda fase da renovación da rúa Isaac Díaz Pardo, en Recatelo, creando unha zona de paseo do centro ao Parque de Rosalía.
obras segunda fase recatelo
28 Xuño 2023

A Tenencia de Alcaldía inviste 102.767€ que completa os traballos feitos no pasado mandato nas rúas Avelino Pousa Antelo, Vila de Sarria e na primeira parte desta rúa.

O Tenente Alcalde do Concello de Lugo, Rubén Arroxo, anunciou que vén de aprobarse en Xunta de Goberno a adxudicación da segunda fase da renovación integral da rúa Isaac Díaz Pardo, no barrio de Recatelo. Arroxo explicou que “neste 2023 continuamos coa renovación integral de Recatelo, completando a zona peonil que comunica o centro da cidade co Parque de Rosalía, e mellorando as instalacións públicas e a calidade de vida das veciñas e veciños”.

As obras que anunciou o Tenente Alcalde hoxe consisten no segundo treito da obra, ubicada entre as rúas Avelino Pousa Antelo e Cidade de Viveiro, “un treito que por cuestións orzamentarias non puido incluírse na primeira fase das obras”, explicou Arroxo. Os traballos consistirán na renovación do saneamento e da recollida de augas pluviais, ademais das instalacións de alumeado e telecomunicacións. A pavimentación dará continuidade aos treitos xa peonalizados na primeira fase, e instalarase tamén novo alumeado público.

O Goberno de Lugo inviste 102.767,31€ neste proxecto, e unha vez comezadas as obras, terán un prazo de realización de 3 meses.

Arroxo lembrou tamén que a Tenencia de Alcaldía continuará neste 2023 realizando actuacións no barrio, como a renovación do Carril dos Loureiros, tal e como se acordou coa veciñanza do barrio, onde se habilitará unha plataforma única “que nun futuro poderá ser peonil”, ademais da renovación do muro de Frei Plácido Rei Lemos, que foi apuntalado a finais do ano pasado, e do que se realizará unha actuación integral de renovación. Rubén Arroxo explicou que “ambos proxectos están a ser rematados xa, e nos vindeiros meses procederemos a contratar e executar as obras”.

0.19584584236145