Adxudicada por 1,6 millóns de euros a ampliación do IES Muralla Romana

LugoXa
A empresa Novavial realizará a intervención, que ten un prazo de execución de 10 meses, unha vez se inicien os traballos
ampliacion-IES-A-Muralla-Lugo
28 Mar 2026

A Consellería de Educación, Ciencia, Universidades e FP vén de adxudicar por case 1,6 M€ a obra de ampliación do Instituto Muralla Romana, en Lugo, á empresa Novavial. A intervención ten un prazo de execución de 10 meses, unha vez se inicien os traballos.

O obxectivo da obra é dar resposta ao incremento da matrícula de FP no centro e permitirá ampliar en case 900 m² a superficie do instituto. Para realizar esta actuación será necesario demoler unha edificación de 167 m² para levantar o novo volume, que terá unha superficie total de 892 m², dotado de planta baixa, primeira e segunda e conectado co edificio existente a través dun corredor en cada unha delas.

O novo edificio contará cunha escaleira para comunicar os tres niveis. A planta baixa estará dotada de dúas aulas de clase, dúas aulas de apoio, un departamento de profesores e unha sala de comunicacións, mentres que a primeira e a segunda terán tres aulas e un departamento de docentes cada unha.

A ampliación mantén a mesma linguaxe arquitectónica que o edificio actual, con fachada de dobre folla de ladrillo con acabado exterior mediante sistema de illamento térmico SATE, a cuberta na zona das aulas será a dúas augas e a conexión entre o edificio existente e o novo resólvese cunha cuberta plana.

A actuación enmárcase nas primeiras 16 obras programadas pola Consellería en centros de ensino para este ano, cun investimento total de máis de 16 M€. No conxunto do ano, o investimento da Xunta en obras en centros educativos ascenderá a un total de 73,6 M€, un 4% máis.

No marco do Plan de nova arquitectura pedagóxica, a Xunta está a investir 18 M€ entre as obras rematadas, en marcha e comprometidas. Cómpre salientar obras de tanta envergadura como a rehabilitación integral do IES Lucus Augusti (3,3 M€), a central de biomasa da nova mazá educativa (2,1M€), o novo edificio de cociñas do IES Sanxillao (1,8 M€), o de talleres de carpintería do Centro Integrado de FP Politécnico de Lugo (1,2 M€) ou as rehabilitacións integrais dos IES Nosa Señora dos Ollos Grandes (1,5 M€), IES Ánxel Fole (1,4 M€), Escola de Arte e Superior de Deseño Ramón Falcón (1 M€) e Colexio Paradai (1 M€).

Entre as obras comprometidas as máis inminentes son a propia ampliación do IES Muralla Romana e a rehabilitación integral do CEIP Plurilingüe de Nadela (antigo CEIP Manuel Mallo Mallo, 1,4 M€).

0.17209506034851