Adxudicadas 13 novas parcelas do polígono das Gándaras
O polígono industrial das Gándaras continúa a captar compradores. E é que a Consellería de Medio Ambiente, vén de adxudicar 13 parcelas nas que se asentarán 11 empresas, en réxime de compravenda e aplicando unha bonificación do 50% sobre o prezo do solo.
As parcelas suman case 44.000 metros cadrados de superficie, na que se asentarán 11 empresas relacionadas coa construción, enxeñería, transporte de mercancías, motor, alimentación, unha inmobiliaria ou un laboratorio de biotecnoloxía, entre outras.
O delegado territorial da Xunta en Lugo, Javier Arias, destacou “o potencial que ten esta área industrial para ser un motor fundamental da economía local, dado que continúa medrando e atraendo novos investimentos á cidade”.
Neste sentido, lembrou que a Consellería ofertou xa, a través de Xestur, as 25 parcelas que se configurarán na terceira fase de ampliación do polígono, actualmente en marcha e na que se invisten 1,5 millóns de euros, “co fin de axilizar este proceso de expansión, para que as empresas poidan avanzar nos seus proxectos ao tempo que se van completando as obras de urbanización”.
No concurso de solo deste ano ofrecéronse parcelas das tres fases de urbanización do parque, e dispuxéronse catro modalidades de compra: adxudicación con prezo bonificado, en dereito de superficie, en alugueiro e en compravenda con pago aprazado, esta última por primeira vez. Ao respecto, Arias apuntou que segue habendo dispoñibilidade de solo nas Gándaras nas mesmas condicións de acceso que as desta convocatoria.