Adxudicadas as obras da LU-P-1906 que comunica A Fonsagrada con Ribeira de Piquín por 100.000 euros
A Xunta de Goberno deste venres aprobou a adxudicación das obras de mellora da estrada provincial que comunica A Fonsagrada con Ribeira de Piquín por preto de 100.000 euros. Este proxecto de acondicionamento da LU-P-1906 contempla obras nos 14,2 primeiros quilómetros desta estrada que une os núcleos de Pedrafitelas con Os Cangos, pasando por Vilares.
As tarefas consistirán na limpeza de cunetas, reparación de afundimentos e defectos que presente o firme, repavimentación nos treitos que sexa necesario e instalación dunha barreira de seguridade en varios tramos do trazado. O prazo de execución é de tres meses.
Esta actuación foi demandada en marzo de 2021 polo grupo popular a causa das queixas veciñais da zona.
A estrada rexistra un alto volume de tráfico e dá acceso a varios núcleos de poboación dos municipios da Fonsagrada e Ribeira de Piquín. Por esta vía pasan autobuses, vehículos pesados e un alto número de turismos, xa que ademais dá acceso á comarca da Montaña e facilita o enlace coa Mariña, a estrada de Meira e Vilalba.