Adxudicadas as obras de construción das Caldas do Miño

LugoXa
Comezaron os traballos de construción das Caldas do Miño, o novo equipamento de uso público e gratuíto a carón do leito fluvial
caldas do mino lugo
9 Out 2021

Comezaron os traballos de construción das Caldas do Miño, o novo equipamento de uso público e gratuíto que o executivo municipal impulsa a carón do leito fluvial, como recurso cultural, de recreo e turístico da cidade.

O equipamento situarase nunha extensión de case 400 m² dentro dunha parcela de 84.000 m² situada ao carón do Pazo de Feiras, na avenida Fábrica da Luz, e a altura do Club Fluvial.

Ao proxecto das caldas sumarase a execución da praia fluvial, que en breve será presentado.

As instalacións foron proxectadas seguindo os máximos parámetros de eficiencia enerxética, de acordo ao modelo de cidade polo que aposta o Goberno local. Así, estarán compostas por 4 piscinas de auga quente -cunha profundidade de entre 60 e 90 cm-, dotadas dunha manta térmica removible que as protexerá fronte á intemperie para evitar perdas enerxéticas e previr caídas durante o horario de peche, e dous pediluvios de auga fría, sumando unha superficie aproximada de lámina de auga de 150 m².

Cada unha das pozas, con aforo para 50 persoas en uso simultáneo, terá unha forma e dimensión diferentes e o recinto contará cun edificio dunha planta e con cuberta axardinada para albergar un atrio, vestiarios, aseos e os equipos de aerotermia. O Concello escolleu esta tecnoloxía para as instalacións por tratarse da opción máis rendible dende o punto de vista da eficiencia enerxética reducindo a mínimos a pegada de carbono que se xeraría cunha instalación que non estivese á altura dun proxecto innovador e de primeiro nivel que require unha cidade como Lugo.

O Concello destinou un total de 919.587 euros para a posta en marcha desta nova dotación que executará a UTE formada polas empresas lucenses Luis Villamide SL, Luclimat SL, e Instalaciones Deportivas Norte SL, nun prazo máximo de doce meses.

As caldas son un proxecto enmarcado na estratexia DUSI Muramiñae, financiada ao 80% pola Unión Europea, a través dos fondos FEDER, e cuxo obxectivo é unir a trama urbana de Lugo coa súa contorna fluvial, para acadar unha cidade máis sostible, verde, innovadora e moderna.

0.14082098007202