Adxudicadas as obras de recuperación da cloaca romana de Lugo

LugoXa
O Concello de Lugo vén de adxudicar as obras de recuperación e posta en valor das cloacas romanas atopadas no Museo Porta Miñá.
Lara Méndez recuperacion cloaca
8 Jun 2022

A Xunta de Goberno do Concello de Lugo adxudicou esta mañá a contratación das obras para a recuperación e posta en valor da cloaca romana situada no semisoto da Sala de Exposicións Porta Miñá, no barrio do Carme.

Unha intervención que abranguerá a parte da obra civil e arquitectónica das instalacións pero tamén a adecuación do espazo para que poida ser visitable e accesible.

A alcaldesa, Lara Méndez, lembrou hoxe que, primeiramente, se recuperará a cloaca a un bo estado de conservación para ser exposta e, posteriormente, se acompañará á mesma cun equipamento de museografía para trasladar ao público a súa función e contexto na época romana, “co obxectivo de que a veciñanza poida realizar unha viaxe ao mundo soterrado da cidade romana, co valor engadido de que sexa ademais na súa localización orixinal”.

“Unha actuación que, pese a que as competencias nesta materia lle corresponden á Xunta de Galicia, se enmarca na nosa aposta por seguir protexendo e difundindo o pasado romano da cidade, tanto para defender o patrimonio, como para convertelo noutro dos piares do modelo de turismo de calidade e sostible que estamos a deseñar – sinalou – polo que agardamos que a actuación sexa un acicate para que tamén o Executivo autonómico se sume ao obxectivo que temos de converter a Lugo no epicentro cultural do pasado romano de Galicia e do noroeste peninsular e cumpra co compromiso dado de construír o Museo da Romanización no Cuartel de San Fernando”, afirmou a rexedora.

O traballos previstos consistirán en acondicionar o soto con impermeabilizacións, revestimentos, solados e todas as instalacións precisas para o futuro uso, ao tempo que se reestruturará o espazo actualmente destinado a servizos e almacén que hai por detrás da Sala de Exposicións, dotándoo dunhas escaleiras, un elevador e uns novos aseos.

“Todo isto - explicou Lara Méndez- sen desatender a parte da escavación, o estudo dos achados arqueolóxicos, a restauración e a consolidación da cloaca romana no que ten que ver coa parte museográfica do recinto”, na que se inclúen, entre outros labores, a limpeza e reescavación da zona da cloaca para o seu saneamento; a escavación arqueolóxica do seu interior, con accións puntuais para a instalación da drenaxe; a escavación do perímetro, co obxectivo de facilitar o seu desaugadoiro e illamento; a diagnose do estado dos restos arqueolóxicos, a súa consolidación e restauración; e un proxecto museográfico de posta en valor das estruturas.

A empresa Resconsa será a encargada de realizar as tarefas, para o que disporá dun prazo de 8 meses e unha semana e ás que o Concello de Lugo destinará un orzamento de 398.724 euros, ao abeiro da estratexia DUSI Muramiñae, cofinanciada pola Unión Europea a través do FEDER.


Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 634

Warning: Trying to access array offset on value of type null in /var/www/vhosts/editorialtristram.es/httpdocs/wp-content/themes/plosa/stats/stats_chatgpt.php on line 635
0.1849479675293