Adxudicadas as obras de renovación eléctrica no pavillón municipal
A Xunta de Goberno Local aprobou a adxudicación das obras de renovación eléctrica do Pavillón Municipal dos Deportes, co obxectivo de incrementar a súa eficiencia enerxética. A actuación suporá un investimento de 135.513 euros e a empresa encargada de realizar os traballos será Hallman Energie SL, que disporá dun prazo máximo de dous meses para executalos.
Estas obras, ao igual que as que se levaron a cabo no Pombal (onde os proxectores existentes foron substituídos por outros novos de tipo led), enmárcanse na estratexia DUSI Muramiñae, dentro do obxectivo temático 4, que busca favorecer a transición cara unha economía baixa en carbono.
Precisamente, co fin de mellorar a eficiencia da iluminación do pavillón da rúa Santiago, que actualmente está constituído na súa maioría por lámpadas obsoletas e de elevado consumo enerxético, proponse a substitución das mesmas por outras de tecnoloxía led, adecuadas a cada espazo iluminado.
Correxirase, así mesmo, o ángulo exposto da iluminación, pois a existente crea sombras, de forma que se recolocarán, alén, os proxectores de pista co fin de conseguir unha cobertura homoxénea. Respectaranse, por outra banda, as liñas de aceso e os xogos de luz que permiten realizar as luminarias actuais ao tempo que se substituirá toda a iluminación exterior por lámpadas de tecnoloxía led, incluíndo as letras corpóreas da fachada do edificio.