Adxudicadas as obras de saneamento na parroquia de Roimil, Friol
Os traballos, cun prazo de execución de 6 meses, permitirán conectar á rede de saneamento os lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira.
A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, adxudicou por preto de 238.000 euros as obras de mellora do sistema de saneamento municipal na parroquia de San Xiao de Roimil, no concello de Friol.
O contrato foi adxudicado á empresa Hordescon, S.L e conta cun prazo de execución de 6 meses.
Esta actuación enmárcase no convenio de colaboración asinado entre a Consellería de Infraestruturas e Mobilidade, a través de Augas de Galicia, e o Concello de Friol para estender a rede de saneamento e depuración de augas residuais aos lugares do Campo da Feira, O Pazo, Currás e A Penagateira.
Segundo o acordo asinado, a Xunta cofinanciará a actuación nun 80%, ademais de encargarse da contratación e da construción da rede de colectores necesarios para evacuar as augas residuais ata o sistema de depuración previsto, que estará formado por unha depuradora de oxidación total.
Pola súa banda, o Concello de Friol contribuirá ao financiamento do 20% restante, ao tempo que asume a tramitación das autorizacións precisas para posibilitar a súa realización, así como a recepción, mantemento e conservación das actuacións que se leven a cabo.
As actuacións serán financiadas pola Unión Europea, no marco do Programa Operativo FEDER Galicia 2014-2020.
A rede de saneamento proxectada componse dunha condución principal, 2 colectores que verten ao principal e recollen sendas rúas do núcleo, e 4 ramais secundarios. A rede complétase con 59 pozos de rexistro.
Para o funcionamento do sistema de depuración inclúense partidas para a acometida eléctrica, así como o sistema de medida e protección, e instalación interior para o seu correcto funcionamento.
Coa rede proxectada por Augas de Galicia veranse beneficiadas uns 200 habitantes.
A Xunta mantén o seu apoio técnico e financeiro aos municipios para que estes poidan prestar de xeito eficaz os servizos de saneamento e abastecemento, que son de competencia local.