Adxudicadas as obras do aparcadoiro disuasorio na avenida de Breogán de Lugo
A Xunta vén de adxudicar por máis de 1 un millón de euros as obras dun aparcadoiro disuasorio para o fomento do vehículo compartido, asociado á implantación de zonas de baixas emisións, na avenida de Breogán, no concello de Lugo.
A intervención, adxudicada á empresa Grupo Bascuas 2008 SL., consta dun prazo de execución de 10 meses.
Este novo aparcadoiro situarase na parcela anexa á citada avenida, estratéxica pola súa situación entre as estradas nacionais N-VI e N-540, ademais de pola súa proximidade ao novo polo de atracción que vai ser o Barrio da Residencia.
O estacionamento distribuirase nunha superficie de 5.700 m² que ofrecerá 148 prazas, das cales 4 estarán reservadas para vehículos adaptados á persoas con mobilidade reducida.
En concreto, o novo aparcadoiro disporá dun dobre acceso: un ao norte, a través da rúa Barrio Casas, que busca dar servizo aos tráficos que teñen como orixe ou destino o interior da cidade de Lugo e máis concretamente o norte e leste; e outro acceso polo sur, con entrada e saída pola propia avenida de Breogán, pensado como entrada principal e destinado aos coches que teñen como orixe ou destino o exterior da cidade ou que van empregar o nó viario das estradas nacionais para acceder ás circunvalacións da cidade e ás vías de alta capacidade.
No seu interior, o aparcadoiro terá 3 eixes viarios, todos unidireccionais e con carrís de 6 metros para facilitar as manobras de entrada e saída nas prazas de estacionamento: un eixe principal de 70 metros que vai desde a avenida de Breogán ata a rúa Barrio Casas; un eixe perimetral e un eixe central que os conectará.
Ademais, a actuación permitirá renaturalizar a canle dun regato que discorre parcialmente entubada pola parcela e suporá, tamén, a reconfiguración da rúa Barrio Casas, acadando as condicións axeitadas na sección transversal.
A execución deste aparcadoiro completarase coa instalación de alumeado, videovixilancia, preinstalación de puntos de recarga para vehículos eléctricos e a incorporación de vexetación e arborado, que dotarán de sombra no aparcadoiro.
Esta actuación forma parte dos proxectos promovidos pola Xunta ao abeiro dos fondos europeos do Mecanismo de Recuperación e Resiliencia Next Generation UE no impulso da transformación da mobilidade nas contornas urbanas, apostando por desprazamentos máis limpos e sostibles.