Adxudicadas as obras para a mellora viaria do parque de Galicia en Antas
Aprobada este venres a adxudicación por un importe de preto de 250.000 euros das obras para a mellora da seguridade viaria e a creación da zona de estacionamento do Parque Central de Galicia que a institución provincial creará no concello de Antas de Ulla.
Así pois, a empresa adxudicataria é Construcciones Leonardo Miguelez SL, que contará cun prazo de execución das obras de 6 meses unha vez iniciados os traballos.
García Porto, voceira socialista do goberno, lembrou que o proxecto acometerase entre os puntos quilométricos 3,490 e 3,700 da LU-P- 0301, de Antas a Rodeiro, e consistirá na adecuación do acceso e do entorno para o tráfico rodado a través de dúas actuacións.
“Por unha banda, a ampliación da calzada ata os 6 metros co fin de dotala de dous carrís de circulación separados e facilitar o acceso”, destacou a Deputada, que engadiu que, ademais de botar aglomerado neste treito, acondicionaranse itinerarios independentes do tráfico rodado cunha barreira de separación de árbores e instalarase sinalización horizontal e vertical e iluminación, que mellorarán a seguridade viaria.
Tamén está prevista a creación dunha zona de estacionamento, “habilitando prazas con capacidade para que aparquen coches, autobuses, motos e bicicletas, incluíndo prazas reservadas para persoas con mobilidade reducida”, apuntou Pilar García Porto.
Estas obras súmanse aos traballos que xa se están realizando na zona na que se situará o futuro parque infantil e a plantación de especies autóctonas, como carballos e castaños. Tamén se inclúen as tarefas de silvicultura, que consisten na entresaca de árbores débiles e da poda das árbores que van permanecer, co obxectivo de que se conformen as copas e permitan a entrada de luz e un mellor desenvolvemento da vida natural das especies”.
Lembrou a responsable provincial que a Deputación de Lugo adquiriu un conxunto de parcelas na contorna na que se sitúa o centro xeográfico de Galicia, en Nugallás, na parroquia de San Fiz de Amarante, para crear o Parque Central de Galicia, que contará con máis de 45.000 m2 de extensión.