Adxudicadas as obras para executar a rehabilitación da área recreativa da Peneda

LugoXa
A Xunta financiará o 70 % do proxecto e o Concello de Monterroso achegará o 30 % da contía
monterroso-área-recreativa-a-peneda
15 Dec 2024

A Consellería de Vivenda e Planificación de Infraestruturas vén de adxudicar por 233.774 euros as obras para executar a rehabilitación da área recreativa da Peneda, no Concello de Monterroso e a previsión é que as obras poidan estar rematadas para maio de 2025.

A actuación adxudicada á empresa Manuel Novoa Castro S.L. enmárcase no Plan Hurbe, promovido polo Goberno galego co fin de axudar ás administracións locais a financiar diferentes tipos de intervencións urbanísticas, e neste caso o obxectivo é mellorar as condicións de confort dos usuarios da área recreativa, así como as súas condicións de funcionalidade e integración paisaxística.

En concreto, baixo este contrato, trátase de mellorar a accesibilidade do recinto e da envolvente térmica do espazo de cafetería desta área recreativa do municipio lucense. Así, porase en valor esta emblemática área de lecer con piscinas ao carón do río Ulla, que serve de lugar de esparexemento da veciñanza e tamén dos visitantes que pasan por este concello, un dos lugares polos que discorre o Camiño Francés a Santiago.

Coas obras adxudicadas, procederase á rehabilitación da cafetería, na que se pretende mellorar a súa envolvente térmica e realizar pequenos axustes na distribución interior, modernizando as instalacións e os acabados. Así mesmo, está proxectada a instalación dunha pérgola e unha pequena construción de uso estacional no espazo anexo á edificación. Tamén se prevé a urbanización dos accesos peonís.

A Xunta cofinanciará nun 70 % as actuacións previstas, achegando un investimento que supera os 206.000 euros, ademais de contratar e executar as obras. O Concello de Monterroso achegará o 30 % restante e comprométese á recepción, mantemento e conservación das actuacións que incorporará ao patrimonio público municipal.

0.17690706253052