Adxudicadas obras de mellora en estradas da Deputación e continúa co programa Acelera Pemes

RibeiraSacraXa | TerraChaXa | LugoXa | SarriaXa | AMariñaXa
Adxudicadas por case 850.000€ obras para a mellora de cinco estradas da institución provincial e o impulso do programa Acelera Pemes
oparamo obras
29 Out 2022

A Xunta de Goberno aprobou a adxudicación por case 850.000€ de obras para o acondicionamento de cinco estradas da Deputación de Lugo ao seu paso polos concellos de Taboada, Baralla, Antas de Ulla, Lugo e Sober.

No concello de Taboada  a institución acometerá, cun investimento de 150.000€, a rehabilitación do firme da LU-P-6001, entre a propia vila de Taboada e os núcleos de Ada e Mundín. Uns traballos, adxudicados á empresa Francisco Gómez y Cía SL, que se desenvolverán entre os puntos quilométricos 6,1 e 9,9, cun prazo de execución de un mes e dúas semanas. Estas obras darán continuidade a outras que a Deputación executou recentemente nesta vía, dentro dun conxunto de actuacións acometidas en estradas provinciais ao seu paso por Taboada cun investimento total de 90.000€.

En Baralla, a Deputación adxudicou a rehabilitación do firme da LU-P-0508, que une Condomiña con Gasalla pasando por Castrolanzán, nos 2,5 primeiros quilómetros, cun orzamento de preto de 160.000€ e un prazo de execución de mes e medio.

En Antas de Ulla, a empresa Francisco Gómez y Cía SL resultou a adxudicataria das obras de dúas estradas provinciais por un importe de  preto de 270.000€. Na LU-P-0304, que vai dende Arcos ata o límite da provincia de Pontevedra, en Salto da Agüela, actuarase nun treito duns 4,5 quilómetros; e na LU-P-0305, que vai de Gradoi ata Cruceiro, faranse obras dende o inicio da vía ata o quilómetro 1,2.

No caso de Lugo, a Xunta de Goberno aprobou adxudicar por un orzamento superior aos 146.000€ a mellora do firme da estrada do Rato, a LU-P-2925, nos tres primeiros quilómetros da vía, e un prazo de execución de dous meses.  Será o Grupo Bascuas 2008 SL o responsable deste contrato.

O deputado destacou o sobreesforzo que a Deputación leva a cabo “para a conservación e mellora da estrada do Rato porque soporta unha elevada densidade de tráfico, moito maior da que lle correspondería polas propias características da vía, xa que a Xunta, como tantas outras infraestruturas estratéxicas para a nosa provincia, ten pendente de executar a segunda fase da Ronda Leste”. “Lamentablemente, despois de case 14 anos sen facer nada, o vindeiro 2023 tampouco veremos nin un metro de obra feito, porque o Goberno galego sabe ben que as previsións que fai son irrealizables”, sinalou.

En Sober, a Deputación adxudicou obras de mellora na estrada LU-P-5904, que une Sober con Vilachá pasando por Gundivós, cun investimento superior aos 120.000€. A vía rehabilitarase no tramo inicial e melloraranse os accesos a Santa Cruz e Sanmil, entre os quilómetros 5,5 e 12. A adxudicataria, Hordescón SL, terá dous meses de prazo para executar os traballos.

Por último, en materia de estradas, a Xunta de Goberno tamén aprobou a cesión á empresa Costrucciones Isidro Otero SL do lote número 2 do contrato de servizos para a conservación da rede viaria provincial, que é o correspondente aos concellos do Valadouro, Foz, Alfoz, Barreiros, Lourenzá, Ribadeo, Trabada, Mondoñedo, Abadín, A Pontenova, Riotorto e A Pastoriza.

Acelera PEMES

Por outra banda, a Xunta de Goberno aprobou a convocatoria pública e as bases que rexerán o procedemento para seleccionar o persoal que desenvolverá traballos vinculados ao programa Acelera PEMES, un proxecto dotado con 500.000€ que a Deputación arrancará nas vindeiras semanas grazas aos fondos que conseguiu captar da Unión Europea.

Rivera Capón lembrou que este programa ofrecerá “apoio e asesoramento gratuítos ás pequenas e medianas empresas da provincia en materia de transformación dixital para modernizar e para mellorar o seu negocio, de maneira que gañen en competitividade, en produtividade, en eficiencia, para que abran novas oportunidades de negocio e, incluso, para que poidan estar mellor preparadas ante situacións adversas, como foi a crise da Covid”.

Nos vindeiros días publicaranse no Boletín Oficial da Provincia as bases de ambos procesos selectivos.

0.13894391059875