Adxudicadas por 865.000 euros as obras de ampliación do paso soterrado da N-VI en Lugo
O Concello de Lugo aprobou este mércores, en xunta de goberno local, a adxudicación das obras para renovar e ampliar o paso subterráneo baixo a estrada Nacional VI así como para humanizar a súa contorna, por un importe de case 866.000 euros. Os traballos estarán rematados este ano.
A alcaldesa, Lara Méndez, explicou que o obxectivo destas actuacións é "favorecer o acceso a pé e en bicicleta á zona do río e ás instalacións e servizos que se atopan na zona fluvial dende o centro da cidade, reducindo o uso dos vehículos particulares e, polo tanto, as emisións de CO2 á atmosfera e a contaminación".
As obras, que terán un prazo de execución de 5 meses, contemplan a demolición do actual paso inferior, feito de formigón, e a execución dunha nova estrutura de paso cun gálibo horizontal e vertical máis amplos o que, segundo fontes municipais, "diminuirá o efecto túnel e farao moito máis agradable e seguro para o usuario, con perspectiva de xénero". Neste senso, dobrarase a anchura do paso subterráneo, pasando dos 4,5 metros actuais a 8 metros, e a altura será máis do dobre, pasando dos 2 metros actuais (nos extremos) a 5,3 metros.
Con carácter previo ao inicio dos traballos de demolición do actual paso inferior, habilitarase un desvío provisional da N-VI para non interromper o tráfico. O desvío realizarase pola marxe esquerda da estrada e poderá manterse ao redor de tres meses. "O desvío proxéctase con sección similar á existente, con carrís de 3,50 metros de anchura e arcéns de 1,5 metros, tendo en conta o elevado tráfico da estrada, de máis de 25.000 vehículos diarios", explican desde o Concello.
SENDA PEONIL
O proxecto que se vén de adxudicar contempla tamén a adecuación da senda peonil que conecta a explanada situada ao norte da estrada Nacional ata o hostal San Lázaro, con unión a Calzada da Ponte, un itinerario xa existente que, polas súas características actuais, resulta incómodo para os viandantes, especialmente na época de inverno, ao formarse charcos e zonas de barro.
Para "evitar este problema e mellorar a comodidade dos usuarios", levarase a cabo a súa pavimentación mediante unha capa de zahorra de 20 centímetros, sobre a que se executará unha capa de 5 centímetros de pavimento drenante, adecuado ao tráfico peonil e ciclista, e aceptando o uso ocasional de vehículos. Este pavimento terá acabado en cor ocre ou terra.
O paseo peonil, de 335 metros de lonxitude, terá dous metros de ancho e na zona do terraplén da N-VI contará con murete de 0,5 metros de ancho na marxe dereita, revestido en pedra natural para a súa integración na contorna, para colocación da iluminación e sostemento de terras.
A renovación e ampliación do paso subterráneo baixo a N-VI enmárcase na estratexia DUSI Muramiñae, da Muralla ao Miño, financiada ao 80% polo Fondo Europeo de Desenvolvemento Rexional (FEDER), e co que o Concello de Lugo pretende integrar o Miño na cidade, a través da zona do Carme e conseguir, deste xeito, unha cidade máis verde, sostible e moderna.