Adxudicado o novo contrato para o control de pombas na cidade amurallada

LugoXa
O servizo terá unha duración inicial de tres anos, con opción de prórroga por dous anos adicionais
pombas-praza-españa-lugo
23 Jan 2025

A área de Transición Ecolóxica adxudicou un novo contrato para o control de pombas na cidade cun importe anual de 11.916 euros (IVE incluído). O servizo terá unha duración inicial de tres anos, con opción de prórroga por dous anos adicionais, o que suporá un investimento total superior a 59.000 euros no próximo lustro.

Este novo contrato introduce melloras significativas respecto ao anterior. Contarase cun equipo especializado formado por un licenciado en bioloxía, un veterinario e técnicos expertos en control de fauna. As tarefas inclúen un censo inicial da poboación de pombas, a elaboración dun mapa de diagnóstico e a implementación de técnicas de captura en vivo complementadas con metodoloxías non cruentas e seguras tanto para as aves como para a cidadanía.

Unha das prioridades do proxecto será a detección e control de pombais urbanos, que serán avaliados para proceder ao seu peche ou á captura total das aves, garantindo que non afecten á veciñanza. Ademais, levaranse a cabo visitas periódicas e emitirase un informe mensual que recolla a evolución da poboación, a eficacia das medidas implementadas e un resumo semanal das actuacións realizadas.

O servizo tamén contempla un censo poboacional anual para analizar e comparar datos entre campañas, identificando as áreas con maior densidade de pombas. Estes datos permitirán planificar mellor as actuacións e adaptar as medidas segundo as necesidades detectadas. Os informes incluirán recomendacións específicas para optimizar a xestión.

O concelleiro de Transición Ecolóxica, Mauricio Repetto, destacou: “A convivencia urbana require medidas que combinen a protección do medio ambiente co mantemento de espazos públicos libres de problemas derivados da sobrepoboación de fauna. Con este contrato damos un paso firme cara a ese equilibrio.”

Outro punto destacado é a incorporación de sistemas innovadores de monitorización para identificar as zonas máis afectadas e planificar actuacións estratéxicas. Estas ferramentas estarán apoiadas pola formación continua do persoal implicado no proxecto, garantindo un servizo eficiente e adaptado ás necesidades da cidade de Lugo.

Tamén se aplicarán técnicas específicas para minimizar o impacto nos espazos máis afectados, como zonas verdes, edificios históricos e mobiliario urbano, empregando métodos non invasivos e respectuosos coa normativa. Estas medidas contribuirán á mellora progresiva da calidade dos espazos públicos.

Con esta iniciativa, o Goberno local reafirma o seu compromiso cunha xestión eficaz e sostible que equilibre o control da fauna urbana coa protección do medio ambiente e a calidade de vida dos veciños e veciñas.

0.17597913742065