Adxudicados os tres proxectos do Lugo Zero: Corazón Verde
O Concello de Lugo adxudicou esta mañá a redacción dos tres proxectos construtivos que se enmarcan na estratexia municipal Zero: Corazón Verde. Unha iniciativa de Alcaldía para acometer a peonalización do 15% do Centro Histórico e convertelo, así, nunha Zona de Baixas Emisións (ZBE).
“O noso principal obxectivo non é outro que mellorar a calidade de vida da cidadanía incidindo directamente na mellora da calidade do aire para mitigar até un 40% as emisións dos gases de efecto invernadoiro que orixinan os 37.000 vehículos que circulan á semana por esta contorna e que alcanzan as 409’71 toneladas de CO2 anuais”, lembro Lara Méndez.
Trátase de “acadar un municipio máis resiliente ao cambio climático a través dunha mobilidade e dun urbanismo sostible. De poñer en marcha actuacións que nos permitan gañar espazos para a veciñanza, reducindo o tráfico, renaturalizando e humanizando as prazas e rúas co fin de diminuír a contaminación atmosférica e acústica”, referiu a alcaldesa.
Méndez subliñou, asemade, o impacto tan positivo que terá sobre a dinamización económica e social para o conxunto da cidade e, especialmente, para o recinto amurallado.
Con esas premisas, a empresa Proyestegal SL será a encargada de realizar os proxectos para as tres intervencións previstas.
A primeira delas, que contará con 15 días de execución, abrangue a peonalización entre a porta Bispo Odoario e a Praza do Ferrol cun investimento superior aos 57.000 euros.
O segundo proxecto, cun mes de prazo de execución, comprende unha parte do denomminado Corazón verde entre Murallas e afecta á Praza do Ferrol. Neste caso, o orzamento será de 47.288 euros.
O último e terceiro proxecto, cun mes de prazo de execución, atende á zona incluída entre a Praza de Santo Domingo e a rúa do Teatro. Prevese así, un custe de algo máis de 37.800 euros.
A rexedora lucense apuntou que, xunto aos cambios que se agardan na mobilidade, estas actuacións suporán, alén, unha importante transformación urbanística que se traducirá en novos espazos estanciais e na reestruturación das zonas axardinadas ás que se incorporará, igualmente, novo mobiliario urbano que se integrará na paisaxe.