Adxudican 23 postos na praza de Abastos e no Mercado Municipal
O Goberno de Lugo aproba o procedemento de licitación dun total de 23 postos na Praza de Abastos e no Mercado Municipal, "avanzando no obxectivo de contar con todos os postos da Praza e do Mercado con actividade", afirmou a concelleira de Participación e Servizos para a Veciñanza, Cristina López.
O procedemento permitirá ocupar 15 postos na Praza de Abastos para distintas actividades, e 8 postos no Mercado Municipal destinados a actividades de hostalería e restauración. Todas as concesións terán unha duración de 25 anos, e as persoas interesadas en optar a un dos postos poderán presentar os seus proxectos nos 30 días posteriores á publicación do anuncio na plataforma de licitación.
Os criterios de adxudicación valorarán a capacidade de creación de emprego da proposta empresarial, ademais da actividade a desenvolver e do proxecto de negocio, xunto cos servizos de Atención ao Cliente, valorando se a nova actividade contará con servizo de entrega a domicilio ou venta en liña
Cristina López destacou o traballo realizado durante este mandato de cara a dinamizar a Praza de Abastos e o Mercado Municipal. "Hoxe podemos ver estes espazos cheos de vida, ocupados por novas xeracións de vendedoras e vendedores que continúan a achegar productos de calidade a estas dúas instalacións históricas que contan cun emprazamento totalmente renovado", afirmou a edil de participación.
Na praza de Abastos, sairán a licitación os postos 12 (Conxelados), 22 (Panadería), 23 (Carnicería), 28 (Delicatessen), 32 (Carnicería), 35 (Herbolario), 37 (Charcutería), 38 (Café Bar), 39 (Alimentación), 43 (Viñatería), 44 (Froitaría), 45 (Droguería), 47 (Galletería), 48 (Carnicería) e 49 (Alimentación), que contan cunhas dimensión de entre 11,3 e 17 m2. No Mercado de Quiroga Ballesteros sairán os postos 2, 10, 13-14, 18, 19, 21, 23 e 25, adicados a actividades do sector da hostalería e da restauración, con tamaños entre os 9.04 e os 33,11 m2.