Adxudican a renovación dos asentos no Pazo dos Deportes e comezan as obras no Anexo
A Xunta de Goberno aprobou esta mañá a adxudicación do contrato de subministración, instalación e montaxe dos asentos do Pazo dos Deportes, por un importe de 171.157 euros.
A actuación permitirá renovar completamente as bancadas supletorias, que contan con dúas mil prazas, mellorando a confortabilidade de usuarias e usuarios e dando un aspecto homoxéneo ás gradas. Os novos asentos son de cor azul e teñen respaldo pregable, para garantir a mobilidade das bancadas.
A renovación dos asentos dá continuidade ao proxecto de modernización do Pazo dos Deportes que se ven realizando nos últimos meses, coa sustitución das luminarias antigas por outros de tecnoloxía LED, que melloraron a eficiencia enerxética e a iluminación da pista tanto para público como para as retransmisións televisivas.
Inicio das obras no Anexo
Por outra parte, esta semana comezaron tamén os traballos de renovación no Anexo. As obras previstas supoñen un investimento de 320.000 euros e contemplan a colocación dun novo pavimento e a renovación das paredes laterais, solventando as problemáticas acumuladas polo deterioro e as filtracións de auga ao recinto.
O novo pavimento, con certificación FIBA para a categoría de pavimentos de madeira de competición, elevarase sobre a base de formigón a través de elementos puntuais, impedindo que calquera elemento de madeira entre en contacto coa base de formigón, permitindo así a ventilación do pavimento.
Medio millón de euros de investimento
O vicepresidente da Deputación de Lugo Efrén Castro sinalou que “a renovación dos asentos e as luminarias no Pazo dos Deportes e a instalación dun novo pavimento no Anxo son as actuacións máis ambiciosas que se teñen levado a cabo nestas instalacións desde que se construíron, tres décadas no caso do Pazo e dúas no caso do Anexo” e explicou que “supoñen un investimento de medio millón de euros, que beneficiarán tanto a Breogán e Ensino como aos clubs de baloncesto base da cidade”