Adxudican as obras de mellora da estrada que une Friol e Palas

TerraChaXa | LugoXa
A Consellería de Infraestruturas adxudicou por 2,1 millóns de euros a execución da 1ª fase das obras da estrada entre Friol e Palas de Rei.
estrada friol palas
2 Xul 2021

Os traballos comezarán na segunda quincena de xullo e disporán dun prazo de 12 meses. Trátase do acondicionamento dos primeiros 9,4 km da estrada LU-231, 8,9 no concello de Friol e os últimos 500 metros no de Palas de Rei, ampliando a vía dos 5 aos 8 metros e suavizando as curvas de menor radio.

A Consellería de Infraestruturas e Mobilidade adxudicou por máis de 2,1 millóns de euros a execución da 1ª fase das obras de mellora da estrada autonómica LU-231, entre Friol e Palas de Rei.

Os traballos, adxudicados á empresa Ovisa Pavimentos y Obras, S.L.U., darán comezo na segunda quincena de xullo e disporán dun prazo de execución de doce meses.

Os actos expropiatorios de levantamento de actas previas xa foron realizados, e neste mes de xullo están convocados os propietarios dos terreos para o pagamento dos depósitos previos e a formalización das actas de ocupación. En concreto, en Friol estes actos están convocados para os días 5, 6 e 7 de xullo, no salón de actos do Centro Sociocultural. En Palas de Rei, os titulares dos terreos están citados o día 8 de xullo, tamén no salón de plenos do Concello.

As obras céntranse no acondicionamento dos primeiros 9,4 km da estrada LU-231, 8,9 situados no concello de Friol e os últimos 500 metros no de Palas de Rei, é dicir, o treito entre a travesía de Friol e o acceso a Castrelo.

A sección da estrada ten actualmente un ancho aproximado de 5 metros, polo que os carrís son estreitos e non contan con beiravías. Esta sección ampliarase ata os 8 metros, con dous carrís de 3,5 m de ancho cada un e beiravías de 0,5 m, salvo na zona con máis edificacións.

O proxecto recolle melloras do trazado, suavizando as curvas de menor radio. Cabe salientar que se mellorará o cruce do punto quilométrico 2+100 coa estrada provincial LU-P-1611, pola que se chega a Guntín, nun sentido, e a Begonte (A-6), no outro.

A estrada LU-231 ten aproximadamente 18,7 quilómetros desde a travesía de Friol ata o enlace coa A-54 máis próximo ao núcleo de Palas de Rei. A Xunta ten prevista a súa mellora en dúas fases, para o que contratou a redacción de dous proxectos construtivos, estando o segundo redactado e en supervisión técnica.

A execución desta actuación permitirá conformar, xunto coa estrada provincial LU-P-1611, un eixo norte-sur de mobilidade con prestacións axeitadas entre a A-54 en Palas de Rei e a A-6 en Begonte, nun punto moi próximo ao sen enlace coa A-8.

Este eixo viario suporá a mellora da competitividade para a produción do sector primario e a industria desta contorna da provincia de Lugo.

0.21417903900146