Adxudican as obras de mellora de tres estradas que comunican Lugo e O Corgo

LugoXa
As actuacións nas tres vías consistirán na reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación e pintado
OBRAS-DEPUTACION-ESTRADAS-BOVEDA-POUTOMILLOS
2 Jun 2025

A Xunta de Goberno Local da Deputación de Lugo adxudicou á empresa Francisco Gómez y Cía, por case 250.000 euros, os traballos de mellora de tres estradas que comunican Lugo e O Corgo.  Son unhas actuacións que servirán para a rehabilitación por tramos da LU-P-1602, a LU-P-1606 e a LU-P2918.

A voceira socialista, Pilar García Porto, detallou que por unha banda, a Deputación arranxará os últimos cinco quilómetros da LU-P-1602, a vía que conecta as parroquias de San Cristovo e Romeán, á altura das Aceñas, na parroquia de Adai; os primeiros quilómetros da LU-P-1606, no tramo que vai de Adai a Queizán de Abaixo; e os últimos metros da LU-P-2918, que é a estrada que une Lugo con Adai por Santa María de Bóveda, e que sirve de enlace -no seu tramo final- coa LU-P-1602.

As actuacións nas tres vías consistirán na reapertura de cunetas, reparación de desperfectos, repavimentación e pintado. O prazo de execución destes traballos unha vez empecen as obras será de mes e medio.

⚙ Configurar cookies
0.17654514312744