Adxudican as obras do polígono da Fonsagrada para impulsar o desenvolvemento da Montaña Lucense

LugoXa
A actuación, cun investimento de 2,5 millóns de euros e un prazo de execución de 13 meses, dotará o municipio do seu primeiro solo industrial urbanizado
concello-da-fonsagrada
13 Dec 2025

A Xunta de Goberno da Deputación de Lugo deu un paso decisivo ao adxudicar as obras de urbanización do polígono industrial da Fonsagrada, unha intervención estratéxica cun investimento de 2,5 millóns de euros e un prazo de execución de 13 meses a partir da formalización do contrato. Con esta iniciativa, a institución provincial avanza na creación dunha infraestrutura chamada a reforzar a actividade económica na Montaña Lucense, facilitando novo solo industrial e terciario e contribuíndo á xeración de emprego.

Esta intervención permitirá que a Fonsagrada conte, por primeira vez, cunha superficie urbanizada destinada ao asentamento de empresas. Ademais da execución material do proxecto, a Deputación financiou a súa redacción con 36.000 euros e destinou outros 600.000 euros para a súa realización. Os informes técnicos da institución subliñan o impacto positivo que terá no territorio, ao favorecer a fixación de poboación e dinamizar a economía no interior da provincia. A infraestrutura responde, ademais, a unha demanda histórica tanto da veciñanza como do tecido empresarial da comarca.

34.421 metros e 15 parcelas dispoñibles

O polígono está previsto no Plan Xeral de Ordenación Municipal e localizarase na rúa Burón, na parroquia do Padrón, na confluencia da estrada LU-530, que conecta Lugo coa Fonsagrada, coa LU-P-1901, que leva a Navia de Suarna. O proxecto contempla a construción dunha glorieta que facilitará un acceso adecuado á nova área industrial.

A superficie a urbanizar abrangue 34.421 metros cadrados distribuídos en 15 parcelas e inclúe máis de 250 prazas de aparcamento, vías e beirarrúas de 1,8 metros, unha vía principal, vías de servizo, rotonda, acondicionamento das parcelas e zonas verdes. As obras incorporan tamén redes de abastecemento, rego e protección contra incendios, saneamento de augas residuais e pluviais, instalación eléctrica, centros de transformación, alumeado público e telecomunicacións. Ademais, prevese o acondicionamento das parcelas exteriores mediante unha barreira vexetal composta por árbores e arbustos autóctonos fronte ao Camiño de Santiago, garantindo o cumprimento da normativa de Patrimonio.

⚙ Configurar cookies
0.086403131484985