Adxudican o servizo de Axuda no Fogar e varias obras en Lugo
A Xunta de Goberno Local adxudicou o novo contrato de Axuda no Fogar á empresa Aralia Servizos Sociosanitarios. Esta prestación social, cuxo orzamento ascende a 11.154.145 euros, foi contratada por un período de 2 anos coa posibilidade de prolongala ata un máximo de cinco. Nas bases xa se contemplaba un posible incremento do 20% pola flutuación dos prezos, polo que o servizo supoñerá un investimento municipal de case 34 millóns de euros ao longo do próximo lustro. “Sen dúbida esta nova adxudicación traducirase nunha atención máis completa ás nosas persoas maiores. O seu coidado e atención segue así sendo unha prioridade para o noso Goberno. De feito increméntase o persoal técnico, o que sen dúbida repercutirá de forma positiva, xa non só no servizo prestado, senón á hora de valorar as necesidades das persoas usuarias”, sinalou a alcaldesa.
Ademais do contrato do servizo de SAF, o Goberno local adxudicou esta mañá a obra de mellora da contorna do centro de saúde da Residencia á empresa Hallmann Energie. Estes traballos, chamados a incrementar substancialmente a seguridade e a calidade da iluminación pública na zona, implicarán un investimento total de 204.356 euros. O seu prazo de execución é de tres meses. “Deste xeito cumprimos co compromiso adquirido pola veciñanza da Residencia de mellorar esta contorna que rexistra unha importante actividade pola acumulación de servizos públicos na zona, como o centro de saúde ou a oficina de emprego promovida por Ministerio de Traballo e Economía Social”, sinalou Alvarellos Fondo.
Así mesmo, durante esta sesión o Executivo local deu luz verde á contratación do servizo de control de calidade de auga de consumo humano, as redes de distribución, as piscinas municipais e das Caldas do Miño. A duración deste contrato será de dous anos prorrogable por outros dous máis, polo que o investimento municipal neste labor de control sanitario supoñerá un investimento de 104.692 euros.“ Ademais da análise periódica do os depósitos da auga, a rede de distribución, as fontes e as piscinas municipais incluímos dentro deste servizo a supervisión da calidade da auga das caldas do Miño. Desta maneira melloramos a eficiencia administrativa e logramos un aforro para as arcas municipais”, apuntou a rexedora.
“A Xunta de Goberno local de hoxe é unha constatación da nosa firme aposta por incrementar a calidade dos servizos públicos que prestamos á cidadanía sen renunciar a equilibrar as arcas municipais. Traballamos por alcanzar unha mellor calidade de vida para as e os lucenses, algo que en absoluto entra en conflito coa procura de maximizar os nosos recursos económicos”, concluíu Alvarellos.
Finalmente, outro dos puntos aprobados foi a adquisición dun vehículo con pa retrocargadora de nova fabricación cuxo valor de mercado é de 135.520 euros. Esta maquinaria pasará a formar parte da frota de vehículos do parque móbil e será utilizada para levar a cabo distintas tarefas en materia de conservación de infraestruturas, mantemento de espazos público e traballos de prevención.