Adxudican por 155.000 euros a mellora dunha estrada en Cervantes
A Deputación de Lugo adxudica por máis de 155.000 euros a mellora da estrada provincial LU-P-1401, en Cervantes. Así informou a voceira socialista do Goberno, Pilar García Porto, que deu conta dos asuntos aprobados na Xunta de Goberno deste venres.
Esta estrada é a que comunica o núcleo de Doiras e que chega ao límite coa provincia de León, dando acceso ás poboacións de Degrada e Piornedo. “Esta vía provincial ten moitas curvas ao circular pola montaña, o que condiciona e dificulta a circulación de vehículos de longa lonxitude, feito que frea o potencial turístico desta comarca, que recibe un amplo volume de visitantes. Por iso, o que se vai realizar con estas obras é mellorar e ampliar eses treitos que presentan máis impedimentos á hora de xestionar o tráfico”, concretou a Deputada.
As actuacións van consistir na ampliación de 8 curvas entre os puntos quilométricos 12 e 18, debido a que o radio que presentan é reducido e dificulta o xiro e a circulación de vehículos longos. En concreto, vanse anchear ata os 30 metros, aproximadamente, dándolles unha amplitude de case o dobre do que teñen agora mesmo. Para iso, vanse facer os movementos de terras precisos, drenarase, haberá unha sinalización axeitada e sistemas de contención. O prazo de execución é de 3 meses.
A Deputada recalcou que “estas melloras vanse facer tendo en conta que estamos na Reserva dos Ancares Lucenses e que iso implica un coidado especial co medio ambiente, e por iso vamos facer actuacións puntuais e non un tramo de maneira integral”.
Avanzou García Porto que isto “vai traer un gran beneficio para esta comarca que recibe moitos visitantes atraídos pola paisaxe e polo núcleo de Piornedo que foi declarado Ben de Interese Cultural debido ao seu alto valor etnográfico”. Engadiu que “ dende este lugar parten varias rutas de sendeirismo, o que converte este lugar nun gran atractivo turístico, o que se traduce nunha gran afluencia de vehículos que aumenta o volume de tráfico nesta contorna”.