AELG dedica a 15ª edición da Letra das Festas á presenza da poboación inmigrante no San Froilán

A Sección de Literatura de Tradición Oral da Asociación de Escritoras e Escritores en Lingua Galega (AELG) organiza a décimo quinta edición da Letra das Festas, coa colaboración da Área de Cultura, Turismo e Promoción da Lingua do Concello de Lugo.
O encontro terá lugar o martes 7 de outubro ás 19:00 horas no Auditorio do Centro Cultural Vello Cárcere, con entrada de balde ata completar capacidade.
Nesta ocasión, a tradicional revista oral do San Froilán leva por título Chegaron de lonxe: a poboación inmigrante no San Froilán, e centra a súa mirada na diversidade cultural e nas persoas que, procedentes doutros lugares, forman parte da vida lucense.
No acto intervirán Luz Darriba, Julieta Insagaray, Kike de Vidal e Leo Zordán, que compartirán reflexións e creacións arredor da experiencia migrante e a súa relación coas festas da cidade.
A ambientación musical correrá a cargo de Vadim Yukhnevich, mentres que a condución do evento estará nas mans de Lois Pérez, quen guiará o público a través desta homenaxe oral á convivencia e á memoria colectiva.