AELU celebrou a gala dos Premios Son Muller 2025 para recoñecer o talento feminino en Lugo

A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU) celebrou a VIII edición dos Premios Son Muller, un evento consolidado que busca visibilizar, poñer en valor e recoñecer o talento feminino no tecido empresarial lucense. A presidenta de AELU, Anjhara Gómez Rodríguez foi a encargada de entregar os galardóns que distinguen o traballo das mulleres emprendedoras e empresarias da provincia.
Durante o seu discurso, Anjhara Gómez resaltou que “o talento, a perseveranza e a capacidade de innovación das mulleres lucenses son a forza que impulsa o noso tecido empresarial. Cada logro que acadades é unha mostra do voso compromiso e do impacto positivo que xerades na economía e na sociedade da provincia. Por iso esta noite celebramos memoria colectiva e futuro compartido. Premiamos excelencia, innovación e liderado”.
Desde a súa creación en 2018, os Premios Son Muller convertéronse nunha cita anual imprescindible para destacar a contribución das mulleres ao desenvolvemento económico e social de Lugo. Nesta edición recibíronse 36 candidaturas, un dato que evidencia o dinamismo e a fortaleza do emprendemento feminino na provincia. Como novidade, este ano non se presentaron finalistas, senón que se distinguiu directamente a nove mulleres premiadas, tres en cada categoría —Empresaria, Empresaria Rural e Emprendedora—, ademais dunha mención especial á longa traxectoria empresarial.
Cada categoría contou cun primeiro premio de 1.000 euros, un segundo de 300 euros e un terceiro de 200 euros, ademais dun ano de cota gratuíta como asociada de AELU. As premiadas recibiron tamén unha peza artesá en cerámica da colección Matrioskiñas Galegas, elaborada por Ceniza de Papel, unha artesá da provincia, deseñada especialmente para os premios.
Dende AELU subliñan que queren continuar sendo un espazo de apoio, recoñecemento e impulso para as mulleres emprendedoras, promovendo oportunidades, visibilizando éxitos e alentando o esforzo constante que caracteriza o emprendemento feminino. A elevada participación nesta edición confirma a consolidación dun ecosistema de mulleres empresarias que destacan pola súa creatividade, profesionalidade e compromiso coa creación de emprego e o desenvolvemento sostible na provincia.
Así mesmo, María Quintiana lembrou a aposta da Xunta de Galicia por seguir impulsando iniciativas que permitan ás mulleres desenvolver proxectos propios para acadar a súa autonomía e romper os estereotipos de xénero. Neste sentido, lembrou as axudas Emega destinadas a impulsar proxectos empresariais de mulleres e aos que o Executivo autonómico destinou máis de 5 millóns de euros para beneficiar 420 iniciativas.