AELU impulsa o proxecto GALATEA para fortalecer o liderado e o benestar das mulleres empresarias de Lugo

A Asociación de Empresarias de Lugo (AELU) puxo en marcha as formacións do proxecto GALATEA, unha iniciativa financiada pola Deputación de Lugo que busca acompañar, formar e visibilizar ás mulleres empresarias e emprendedoras da provincia.
O programa aposta por un enfoque integral que combina asesoramento profesional, formación práctica e actividades de benestar persoal e emocional, co obxectivo de fortalecer o liderado e o desenvolvemento das participantes.
O proxecto, que se desenvolverá ata finais de ano, reúne a decenas de mulleres con ganas de medrar, innovar e fortalecer as súas competencias profesionais e persoais. Durante as últimas semanas leváronse a cabo diversas accións formativas e de desenvolvemento.
Entre elas, destacan a asesoría de presentacións profesionais e comunicación de alto impacto, impartida pola recoñecida experta Mar Castro, que marcou o inicio oficial do proxecto; a formación en administración e facturación electrónica, que busca capacitar ás emprendedoras ante a nova obriga legal de facturación dixital; e o obradoiro de autoconfianza asistida con cabalos, impartido por Candy Rodríguez (Crincoach), unha experiencia transformadora para reforzar o liderado e a seguridade persoal.
Tamén se desenvolveron obradoiros de fotografía con móbil e xestión de redes sociais, orientados a mellorar a imaxe e a comunicación dixital dos negocios das participantes. Ademais, o próximo 24 de outubro celebrarase un obradoiro de aromaterapia, impartido por Noelia Solar, fundadora de Esencia Viva, un laboratorio rural de cosmética natural consciente.
O proxecto GALATEA forma parte da estratexia de AELU para impulsar o emprendemento feminino, reducir a fenda dixital e promover o desenvolvemento persoal e profesional das mulleres da provincia. “Con GALATEA buscamos crear un espazo de aprendizaxe e inspiración, onde as mulleres poidan conectar, compartir experiencias e descubrir novas ferramentas para o seu crecemento”, sinalou Anjhara Gómez, presidenta de AELU.