AELU pecha o programa Galatea cunha xornada aberta na Praza Maior de Lugo

LugoXa
O proxecto, no que participaron 221 mulleres empresarias e emprendedoras da provincia, contou co apoio da Deputación de Lugo cunha achega de 40.000 euros
Peche-do-programa-Galatea-AELU
19 Dec 2025

A Asociación de Mulleres Empresarias da Provincia de Lugo (AELU) celebrou na Praza Maior de Lugo a xornada de clausura do programa Galatea, unha iniciativa de asesoramento e capacitación profesional que puxo o punto final cun acto aberto e gratuíto no Templete da Praza Maior, concibido como un espazo para celebrar o camiño percorrido de maneira conxunta polas participantes.

O evento serviu como escaparate do traballo desenvolvido ao longo do proxecto e incluíu unha mostra de produtos elaborados polas socias de AELU que tomaron parte no programa. Ao longo da xornada realizáronse tamén diferentes sorteos nos que se repartiron varios destes artigos, convertendo a cita nun encontro participativo e de celebración colectiva.

O programa Galatea foi posible grazas á colaboración da Deputación de Lugo, que contribuíu cunha achega económica de 40.000 euros. No seu conxunto, a iniciativa contou coa participación de 221 mulleres empresarias e emprendedoras da provincia, que ao longo dos últimos meses asistiron a distintos obradoiros orientados a reforzar os seus coñecementos, habilidades e capacidades profesionais.

Durante o último trimestre do ano, o proxecto puxo o foco en accións formativas relacionadas coa administración e a facturación electrónica, nas que as participantes profundaron na nova obriga legal da facturación dixital. Ademais, incluíuse un encontro coa xornalista Mar Castro, quen compartiu claves prácticas sobre comunicación de alto impacto aplicadas ao ámbito empresarial.

A programación completouse con formacións centradas na fotografía con dispositivos móbiles e na xestión de redes sociais, co obxectivo de dotar ás participantes de máis ferramentas para mellorar a comunicación dixital dos seus negocios e reforzar a súa presenza no contorno online.

⚙ Configurar cookies
0.080307006835938