AEMS-Ríos con Vida condena o proxecto de Altri coa entrega do Premio Ríos Mortos
AEMS-Ríos con Vida, organización decana na defensa dos ríos e a pesca recreativa sostible entregará os seus Premios anuais o próximo 23 de xuño dentro dos seus XLIV Xornadas que celebra na bela Vila de Albarracín (Teruel). O Premio Ríos Mortos 2024 será para a Altri pola súa pretensión de instalar unha megafábrica de celulosa en Galicia “cun evidente desprezo ao principio de precaución, á integridade da paisaxe, á dinámica natural e os procesos ecolóxicos, á conectividade ecolóxica e ás funcións e servizos dos ecosistemas".
O proxecto produciría unha acumulación de impactos negativos de tal magnitude que, de xeito evidente, como alertou o naturalista Javier Castroviejo, provocaría unha “constelación de danos”. Entre os máis graves destacarían os relacionados co uso da auga que se tomaría dun encoro como Portodemouros nun estado ecolóxico deficiente, e que devolvería parcialmente ao río Ulla requentada e contaminada polo proceso industrial.
A planta ocuparía unha superficie como a cidade de Santiago e consumiría cada día o mesmo volume de auga que toda a provincia de Lugo, afectando o ciclo hidrolóxico, ao caudal e á calidade do medio acuático en todo o Ulla, poñendo en perigo mesmo os xa reducidos bancos de marisco da ría de Arousa e o ecosistema mariño do Parque Nacional das Illas Atlánticas. Aseguran que pesan e preocupan os antecedentes da empresa, a opacidade, as incoherencias, contradicións, falsidades e inexactitudes do proxecto.