Afalu organiza en Lugo un mes cheo de actividades polo Día Mundial do Alzheimer 2025

LugoXa
Charlas, mesas de sensibilización, formación e eventos culturais enchen setembro e outubro para concienciar sobre as demencias neurodexenerativas.
Persoal-Afalu-Lugo
8 Sep 2025

A Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias Neurodexenerativas de Lugo (Afalu) conmemora este ano o Día Mundial do Alzheimer cun amplo programa que se estenderá desde comezos de setembro ata mediados de outubro en distintos puntos da provincia.

As actividades arrancaron cos cursos formativos dirixidos a coidadores en situación de dependencia, que se celebran en municipios como Antas de Ulla, Lugo, Láncara, Mondoñedo, Guntín e O Páramo, ademais dunha sesión online, co obxectivo de proporcionar ferramentas prácticas ás persoas que atenden a enfermos de Alzheimer.

O 15 de setembro, os usuarios de Afalu participaron nunha experiencia inmersiva de realidade virtual titulada Recordando Lugo, unha actividade especialmente deseñada para estimular a memoria e o recordo a través de tecnoloxías adaptadas. O día 16, o Centro Colaborativo de Friol acolleu unha charla sobre mobilidade e mellora postural na persoa adulta, orientada a favorecer a saúde física e a prevención de caídas.

A xornada do 19 de setembro centrouse na sensibilización cidadá con mesas informativas instaladas en diferentes puntos de Lugo, coa colaboración do C.B. Breogán, mentres que en Muras desenvolveuse unha conferencia sobre os sinais de alerta nas demencias neurodexenerativas. Uns días despois, o 20 de setembro, o Círculo das Artes foi escenario da gala conmemorativa polo Día Mundial do Alzheimer, cun concerto das escolas de música de Rábade, Begonte, Outeiro de Rei e Friol. Nesa mesma data, varios edificios públicos da provincia ilumináronse de cor morada como mostra de apoio ás persoas afectadas e ás súas familias.

O programa continuou o 24 de setembro cunha sesión sobre coidados básicos para persoas con Alzheimer, impartida no Centro Social “Paco Martín” de Lugo. O 26 de setembro foi a quenda dos coidados paliativos no fogar cun obradoiro en Cervantes, mentres que pola tarde proxectouse no Salón de Actos da Deputación de Lugo a película Recuérdame. El principio de la desconexión, dentro da Semana Internacional de Cine de Autor.

O 29 de setembro, a Casa da Cultura de Antas de Ulla acolleu unha charla sobre o manexo de situacións problemáticas na convivencia co Alzheimer. Xa o 30 de setembro desenvolveuse unha actividade interxeracional no Centro de Día de Friol coa participación do CPI Dr. López Suárez. Como peche, o 2 de outubro o mesmo centro acolleu un obradoiro de sensibilización sensorial en colaboración coa Universidade de Santiago de Compostela.

A programación concluirá o 15 de outubro cunha nova sesión formativa en Páramo, mentres que en Sarria está prevista outra cita pendente de data.

Con este calendario, Afalu busca dar visibilidade á realidade das persoas con Alzheimer, apoiar ás familias e promover a concienciación social en toda a provincia de Lugo.

⚙ Configurar cookies
0.095386028289795