Afalu organiza unha carreira solidaria co apoio do Concello de Lugo

A Asociación de Familiares e Enfermos de Alzheimer, Afalu, organiza unha carreira solidaria coa colaboración do Concello de Lugo, que se celebrará o vindeiro venres 19 de decembro.
O percorrido realizarase polo Camiño de Santiago, saíndo desde a Catedral de Lugo e concluíndo na Catedral de Santiago de Compostela, e contará coa participación de preto de vinte axentes da Policía Local da cidade.
O obxectivo da iniciativa é dar visibilidade á enfermidade do alzhéimer e recadar fondos mediante un dorsal solidario. As persoas interesadas en colaborar poderán facelo de dúas formas: mediante doazón bancaria ao número de conta ES45 2100 2183 5702 0014 4227 ou a través de BIZUM co código de donativo 06071.
O concelleiro Jorge Bustos asistiu á presentación e destacou “a implicación de Afalu e do Concello neste evento e o compromiso cunha causa solidaria, que permitirá dar máis visibilidade ao traballo da asociación, axudando tanto ás persoas afectadas polo alzhéimer como aos seus familiares ou a persoas con outras demencias neurodexenerativas”.
A carreira, baixo o lema “Zancadas contra o esquecemento”, celebrarase en parellas, con saída prevista ás 07.30 horas desde a Catedral de Lugo e chegada estimada á praza do Obradoiro a partir das 18.00 horas. Ademais da participación dos axentes da Policía Local, Protección Civil prestará apoio durante o percorrido, encargándose do avituallamento dos participantes.