AFALU trasládalle ao alcalde de Lugo as necesidades das persoas con demencias e das súas familias

LugoXa
A entidade mantivo unha reunión con Miguel Fernández para analizar posibles vías de colaboración e mellora na atención ao colectivo afectado por enfermidades neurodexenerativas
AFALU-Mª-Carmen-Pena-Ledo-Concello-de-Lugo
22 Jul 2025

O alcalde de Lugo, Miguel Fernández, reuniuse na Casa do Concello coa presidenta da Asociación de Familiares de Enfermos de Alzheimer e outras Demencias de Lugo (AFALU), Mª Carmen Pena Ledo, nun encontro no que se abordaron as principais necesidades das persoas afectadas por enfermidades neurodexenerativas e das súas familias, así como os retos que afrontan no seu día a día.

Durante a xuntanza, analizáronse posibles liñas de colaboración para reforzar o apoio a este colectivo e avanzar en medidas que contribúan a mellorar a súa calidade de vida. Desde o Concello destacaron a importancia de manter canles de diálogo co tecido asociativo, e sinalaron que a atención ás persoas con Alzheimer e outras demencias debe estar presente nas políticas locais de benestar e prevención.

AFALU é unha entidade de referencia na cidade na atención a persoas con demencia, ofrecendo servizos terapéuticos, estimulación cognitiva, atención sanitaria e apoio familiar. A asociación traballa para dar resposta ás necesidades tanto dos pacientes como das persoas coidadoras, promovendo unha rede de apoio próxima e especializada.

Desde a organización subliñan a importancia de visibilizar o impacto destas doenzas e de fortalecer a implicación social e institucional, especialmente nun contexto de aumento do número de casos asociados ao envellecemento da poboación.

⚙ Configurar cookies
0.14538407325745